Nova

Villaverde destaca a formación especializada e a internacionalización como claves do futuro do sector alimentario do mar

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar participou na apertura do Programa de Especialización impulsado por Clusaga no marco de Competemar 2026

Santiago de Compostela, 24 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou hoxe na inauguración do Programa de Especialización en Marketing e Internacionalización do Sector Mar Alimentario, unha iniciativa organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co apoio da Xunta, a través do convenio asinado polo departamento que dirixe Villaverde e dita asociación empresarial.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o papel das accións formativas de alto nivel “como instrumentos clave para o desenvolvemento e modernización do sector mar-alimentario galego”, nun contexto internacional caracterizado pola crecente competencia e pola apertura de novos mercados. Neste sentido, salientou que a internacionalización constitúe “un dos principais vectores de crecemento do sector”, ao tempo que subliñou a necesidade de reforzar a capacidade das empresas para adaptarse aos cambios nos mercados globais, mellorar os seus procesos de comercialización e consolidar o posicionamento dos produtos galegos no exterior.

A titular de Mar destacou o carácter estratéxico do complexo mar-industria en Galicia, así como a súa contribución ao desenvolvemento económico e á cohesión territorial da comunidade, sustentado na súa tradición produtiva, na calidade dos seus recursos mariños e na súa proxección internacional. A este respecto, incidiu na importancia de avanzar na innovación, na competitividade e na apertura a novos mercados, sen perder a identidade que caracteriza ao sector mar-alimentario galego, sinaladamente recoñecido pola súa calidade e excelencia.

A conselleira lembrou que o sector galego exporta a máis de 140 países, o que evidencia “a súa sólida presenza internacional e a necesidade de seguir afondando en estratexias de diversificación de mercados, fortalecemento de marcas colectivas e impulso da acción comercial exterior”. Un compromiso que a Xunta afronta destinando 11 millóns de euros no bienio 2026-2027 e que facilita a promoción do tecido empresarial autonómico en máis de 50 feiras nacionais e internacionais de referencia.

Programa

O programa formativo está dirixido a empresas do sector do mar (pesca, acuicultura, transformación, comercialización e servizos asociados) que desexen iniciar ou consolidar a súa presenza nos mercados nacionais e internacionais. Ofrece formación especializada en internacionalización, marketing, posicionamento de marca, vendas e xestión financeira, cun enfoque práctico adaptado ás necesidades das empresas.

O seu desenvolvemento enmárcase na colaboración de Mar con Clusaga, financiada ao 50 % por ambas as dúas entidades e coa que se persegue potenciar a innovación e o posicionamento no exterior da cadea mar-industria, así como reforzar a capacitación e cualificación dos profesionais, a través de formación estratéxica, co fin de consolidar Galicia como líder europeo na produción pesqueira e acuícola.

Imaxes relacionadas