Nova

Mar contempla actuacións portuarias superiores aos 18 M€ na provincia de Pontevedra no bienio 2025-2026

1 de 2
2 de 2

A conselleira, Marta Villaverde, informou ao presidente da Federación provincial de confrarías dos principais proxectos executados nos últimos meses e previstos neste exercicio

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Rosas, para abordar as liñas de investimento de Portos de Galicia nas dársenas da provincia. Villaverde, que estivo acompañada polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez, cifrou en máis de 18 millóns de euros o orzamento das actuacións portuarias na provincia de Pontevedra executadas en 2025 e en tramitación neste 2026. 

Durante o encontro, ambas partes constataron o funcionamento de dúas novas infraestruturas portuarias de grande envergadura rematadas a finais do pasado ano como son a ampliación do peirao de San Adrián de Cobres, que dotou de praza de amarre a toda a frota bateeira deste porto, e a ampliación da lonxa de Tragove, en Cambados, que mellorou as condicións de traballo dos seus máis de 1.000 usuarios. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu nestas obras 1,8 e 1,4 millóns de euros, respectivamente. 

Así mesmo, Villaverde destacou que actualmente o ente público ten en execución a rehabilitación e mellora do peirao mexilloeiro da Mosqueira, no porto de Moaña. Esta actuación, que mellora as condicións de amarre dos bateeiros da zona conta cun orzamento dun millón de euros.

Finalmente, o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra interesouse polos proxectos previstos para os vindeiros meses. A este respecto, a conselleira destacou a renovación dos pavimentos dos pantaláns de Carril (Vilagarcía de Arousa), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona, cuxa instalación está xa adxudicada e pendente de inicio de obra e nos que se investirá máis de 250.000 euros. Así mesmo, asegurou que se está traballando para poder sacar, canto antes, de novo a licitación os departamentos para usuarios no porto de Sanxenxo e no de Combarro, o que suporá outros 2 millóns de euros. Por último, lembrou tamén que Portos de Galicia está a cumprir coa tramitación ambiental da dragaxe do Lérez, que permitirá impulsar a actividade dos barcos marisqueiros da ría de Pontevedra, e cuxo orzamento é de 12 millóns de euros.

Imaxes relacionadas