Nova

A Xunta e a DOP Mexillón de Galicia promoven o consumo de produtos de calidade nas escolas a través do programa Mexillón de Galicia nas aulas

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participa nunha xornada formativa no CPR Plurilingüe La Milagrosa de Santiago

A iniciativa forma parte do convenio de colaboración asinado este ano entre a Consellería do Mar e o Consello Regulador para fomentar o coñecemento deste produto emblemático entre o alumnado

O obxectivo é potenciar os hábitos alimentarios saudables e poñer en valor a sustentabilidade e a importancia socioeconómica do sector bateeiro en Galicia

Santiago de Compostela, 29 de abril do 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, visitou hoxe o CPR Plurilingüe La Milagrosa para participar na xornada Mexillón de Galicia nas aulas. Esta actividade, organizada pola Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, ten como finalidade achegar aos escolares as bondades nutricionais, a calidade e a historia dun dos produtos máis senlleiros do noso mar.

Durante o encontro, Rosón destacou a importancia de educar ás novas xeracións no consumo de produtos locais e sustentables. A acción enmárcase no convenio de colaboración subscrito este ano entre a Consellería do Mar e a DOP, unha alianza estratéxica que busca non só promocionar o consumo de mexillón, senón tamén divulgar o rigoroso proceso de control e certificación que garante a súa excelencia.

A xornada permitiu aos alumnos e alumnas coñecer de preto o ciclo de produción do mexillón e a súa relevancia como motor económico das rías galegas. O director xeral subliñou que este tipo de iniciativas son fundamentais para consolidar a dieta atlántica nas idades temperás e para que a mocidade recoñeza o esforzo dos profesionais do sector bateeiro, asegurando así a remuda xeracional tamén no consumo.

Con esta visita, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa promoción dos produtos do mar e o apoio ás denominacións de calidade que sitúan a Galicia como un referente internacional na produción acuícola.

Imaxes relacionadas