Nova

Galicia esgota a vía xudicial ante o TXUE para intentar que se anule o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental

Irlanda alíñase cos argumentos galegos ao considerar que a decisión da Comisión Europea contén erros de Dereito e vulnera o principio de proporcionalidade

Nas súas observacións, Galicia considera que houbo unha avaliación incorrecta do impacto das artes fixas como o palangre de fondo e critica a inclusión de zonas nas que non consta a presenza de ecosistemas vulnerables e baseados en riscos hipotéticos

Alerta da falta de consideración dos efectos socioeconómicos sobre a frota galega e as comunidades costeiras

Santiago de Compostela, 2 de maio do 2026

A Consellería do Mar vén de presentar as súas observacións ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) coas que esgota a vía xudicial para intentar que se anule o veto que considera inxusto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental (España, Francia, Irlanda e Portugal) ditada no 2022.

Aos argumentos de Galicia sumouse Irlanda, que coincide en que a decisión da Comisión Europea contén erros de Dereito, polo que se pide que dita resolución quede sen efecto e, con carácter subsidiario, no caso de que o estado do litixio non permita un ditame definitivo, a devolución do asunto ao Tribunal Xeral para que dite unha nova sentenza.

A Comunidade Autónoma fundamenta a súa posición en catro grandes motivos. En primeiro lugar, considera que se produciu unha incorrecta avaliación do impacto da pesca de fondo. A Comisión baseou a súa análise en datos relativos ás artes móbiles, sen ter en conta as características de artes fixas como o palangre de fondo, cuxo impacto sobre o fondo mariño é substancialmente inferior ou mesmo inexistente. Esta omisión, segundo o Goberno galego, vulnera o principio de proporcionalidade ao ofrecer unha visión distorsionada da realidade.

En segundo lugar, cuestiona o método empregado para delimitar as zonas de peche. A inclusión de áreas nas que non consta a presenza nin a probabilidade de existencia de ecosistemas mariños vulnerables carece de base xurídica suficiente e non supera o test de proporcionalidade, ao non cumprir os requisitos de idoneidade, necesidade e proporcionalidade en sentido estrito. Ademais, critícase o uso de riscos meramente hipotéticos para xustificar restricións amplas.

En terceiro lugar, a Xunta sostén que o Tribunal Xeral realizou unha aplicación errónea das normas da Política Pesqueira Común e da xurisprudencia relevante. A sentenza recorrida flexibiliza indebidamente o deber de motivación das medidas, malia tratarse dunha medida nova que requiría unha xustificación específica. Así mesmo, non se realizou unha adecuada ponderación dos intereses socioeconómicos afectados e transformouse o marxe de apreciación do lexislador nunha presunción automática de proporcionalidade.

Por último, a Comunidade Autónoma denuncia que non se tiveron en conta de maneira suficiente os efectos adversos das medidas sobre a frota galega de palangre e sobre as comunidades costeiras que dependen desta actividade, evidenciando unha insuficiente consideración dos intereses socioeconómicos en xogo.

Antecedentes do procedemento

O proceso remóntase á publicación, o 19 de setembro de 2022, do regulamento europeo que estableceu zonas de veda á pesca de fondo en áreas con presenza ou posible presenza de ecosistemas mariños vulnerables. Posteriormente, o Consello da Xunta autorizou en decembro dese mesmo ano a intervención da Xunta como parte coadxuvante no recurso de anulación interposto pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) xunto con 16 palangreiros de fondo.

En xullo de 2023, o Tribunal Xeral da UE admitiu a intervención da Administración autonómica no recurso T-781/22, sobre o que ditou sentenza o 11 de xullo do 2025. A Xunta manifestou xa naquel momento a súa discrepancia respecto do seu contido.

Tras analizar a situación co sector, o Goberno galego decidiu esgotar todas as vías de recurso. Neste contexto, en agosto do pasado ano notificouse o recurso de casación presentado polo Goberno central, abríndose un novo prazo para a presentación de alegacións por parte das distintas partes.

Defensa integral do sector

En paralelo á vía xurídica, a Consellería do Mar continúa traballando na adaptación normativa para reforzar o recoñecemento das especificidades do sector. Neste sentido, está a tramitar a modificación do Decreto de Artes de Galicia para actualizar a regulación e recoñecer de maneira específica o palangre demersal ou semipeláxico.

Ademais, solicitou a inclusión deste arte na clasificación estatal de aparellos de anzol mediante alegacións ao Real Decreto 502/2022, co obxectivo de establecer unha normativa diferenciada máis axeitada á súa tipoloxía.  A actualización desta clasificación é competencia do Goberno central e resulta clave no marco das negociacións coa Comisión Europea para lograr a exclusión do palangre de fondo das restricións nos caladoiros europeos.

Con estas actuacións, o Executivo autonómico reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da frota galega e das comunidades costeiras, apostando por unha regulación equilibrada que compatibilice a protección dos ecosistemas mariños coa sustentabilidade económica e social do sector pesqueiro.