Nova
Mar contribúe a través das EDLP á valorización dos produtos pesqueiros da ría de Arousa
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, analizou na lonxa de Ribeira as convocatorias que, no 2026, poñen a disposición dos promotores preto de 7,8 M€
Ribeira (A Coruña), 30 de abril do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, comprobou, na lonxa Ribeira, algunhas das melloras realizadas coas axudas da Consellería do Mar para proxectos postos en marcha a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa e que permitiron modernizar as instalacións de empresas que desenvolven a súa actividade na lonxa desta localidade da comarca do Barbanza.
Tal e como puido constatar a representante da Consellería do Mar, estas achegas contribuíron á optimización do procesado do peixe e marisco, a través da adquisición de diverso equipamento que superou os 120.000 euros. É o caso, dunha dosificadora de xeo, dunha cinta transportadora de caixas e de tres xeradores de xeo que producen un rendemento diario de 15.000 quilos para o seu uso polas empresas comercializadoras locais, así como nas poxas da lonxa.
Na visita, a directora xeral puxo en valor estas achegas e valorou así mesmo as realizadas nunha das empresas situadas no mesmo recinto, por un importe de máis de 80.000 euros e que contribuíron á trazabilidade dos produtos pesqueiros. Na actualidade, a Xunta continúa co desenvolvemento das dúas novas convocatorias publicadas para este ano e que ascenden a 7.750.000 euros.
Enmarcadas nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), estas axudas permitiron, nas tres convocatorias anteriores, executar 339 proxectos que supuxeron a mobilización dun investimento de case 46 millóns de euros, dos que 25 millóns foron en concepto de axuda pública e 21 millóns de financiamento privado.