Nova
A Xunta apoia a valorización da ostra rizada mediante o proxecto 'Ostras do Ártabro' para impulsar a economía local
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu á Xornada de Degustación no CIFP Fraga do Eume en Pontedeume
A iniciativa está impulsada polas Confrarías de Pontedeume e Barallobre e conta co apoio da Consellería a través do GALP Golfo Ártabro Norte
Procura fomentar o consumo desta especie en fresco e o desenvolvemento dunha conserva artesanal
Pontedeume (A Coruña), 4 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na primeira Xornada de Degustación ‘Ostras do Ártabro’, celebrada nas instalacións do CIFP Fraga do Eume. Este evento, impulsado polas Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Barallobre, ten como obxectivo principal a posta en valor da ostra rizada (Magallana gigas) como recurso pesqueiro de interese económico e gastronómico no Golfo Ártabro.
Esta xornada forma parte dun proxecto que busca transformar unha especie ata fai pouco percibida como invasora e de escaso valor comercial nunha oportunidade real de desenvolvemento local. A iniciativa conta co apoio da Xunta a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, e está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
A titular de Mar, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que o crecemento da ostra rizada nos últimos anos representa unha fonte complementaria de ingresos para o sector. "Iniciativas como 'Ostras do Ártabro' son o claro exemplo de como as confrarías son motores de innovación e sustentabilidade, buscando novas vías de comercialización", sinalou Villaverde.
O programa de actividades incluíu presentacións e sesións de degustación de diferentes preparacións. Paula Patiño, mestra artesá, foi a encargada de mostrar novas posibilidades de valorización da ostra rizada a través da conserva, un dos eixes centrais deste proxecto que busca desenvolver prototipos de alta calidade. Pola súa banda, a profesional da cociña Nair González levou a cabo un showcooking para potenciar o consumo deste produto en fresco.
A abundancia natural desta especie, que se adaptou de xeito perfecto creando bancos moi densos na ría, permitiu un aproveitamento que foi obxecto de regulación pola Consellería do Mar. A inclusión en plans específicos de explotación posibilitou que os profesionais marisquen e vendan o produto de forma legal e controlada a través da lonxa, equilibrando o ecosistema da ría fronte á competencia coa ostra plana autóctona.