Nova
Mar e Deputación de Pontevedra renovan a súa alianza para impulsar a especialización internacional do alumnado do Igafa
O acordo, dotado con 15.000 €, permitirá que os estudantes de acuicultura e mergullo realicen estancias de ata tres meses en empresas e entidades estranxeiras
Desde 2011, ambas as administracións destinaron un total de 180.000 € a este programa conxunto para elevar a calidade formativa do centro
O Igafa destaca polo seu liderado internacional ao ser o primeiro centro público de España coa certificación IMCA e acadar un 100 % de inserción laboral
Pontevedra, 5 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron este mércores o convenio de colaboración para dotar de bolsas de formación no estranxeiro ao alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), recoñecido como Centro de Referencia Nacional (CRN) desde 2019. O acordo, que conta cunha achega económica de 15.000 euros con cargo aos orzamentos provinciais, ten como obxectivo fundamental mellorar a calidade da formación profesional nos sectores da acuicultura e o mergullo profesional.
Marta Villaverde destacou que grazas a estas axudas, que poden acadar un máximo de 3.000 euros por persoa beneficiaria —dependendo da distancia ao país de destino e o custo de vida estimado—, “os estudantes poderán realizar estancias de ata tres meses en empresas e institucións con sede nalgúns dos países máis especializados nestas materias”.
A titular de Mar puxo en valor esta colaboración institucional que permite impulsar a internacionalización do alumnado do IGAFA e que se ven reeditando ininterrompidamente desde o ano 2011. Coa sinatura deste novo convenio para 2026, a Xunta e a Deputación suman xa un investimento conxunto de 180.000 euros destinado a este fin.A responsable autonómica detallou que o proceso de selección dos bolseiros será responsabilidade do propio instituto, que valorará a adecuación do perfil, o expediente académico e o nivel de idiomas, mentres que a Consellería do Mar se encargará de elaborar e supervisar o proxecto formativo dos participantes.
Recoñecemento internacional
O Igafa é un dos centros de formación pesqueira de referencia a nivel europeo e a súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas (TOSH) conta coa homologación da International Marine Contractors Association (IMCA), que o acredita como o primeiro centro público en acadar este recoñecemento en toda España.
O instituto leva impartindo formación especializada neste eido desde o ano 2001, período no que titulou a máis de 200 profesionais do sector. As súas instalacións punteiras dispoñen de piscina interior e exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, laboratorios e sala de acuarioloxía. O éxito da súa oferta educativa queda referendado pola súa alta empregabilidade, acadando unha inserción laboral do 100 % no seu ciclo de carácter bianual, que actualmente oferta 12 prazas.