Nova
Villaverde pon en valor na presentación do libro 'Vigo, un lugar no mundo' a achega do sector marítimo ao desenvolvemento da cidade
Vigo, 6 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na presentación do libro “Vigo, un lugar no mundo”, cuxos autores son o escritor Javier Ferreiro e o fotógrafo Manuel Cortizo. Na súa intervención, Villaverde destacou como o mar constitúe “un dos sinais de identidade máis profundos” desta localidade, e non só como motor económico, senón tamén como eixo vertebrador da súa dimensión social, cultural e humana.
Villaverde gabou o bo saber facer dos autores á hora de “facer un percorrido pola cidade que vai máis alá dos seus espazos máis coñecidos”, expresando unha visión ampla na que conviven o íntimo e o emblemático.
A conselleira destacou que se plasme nesta obra “a alma mariñeira viguesa”, amosando o seu desexo de que chegue a un amplo público e de que tamén contribúa a reforzar o recoñecemento da cidade como un dos grandes referentes marítimos do Atlántico.
A responsable autonómica reflexionou así sobre a relevancia que teñen no desenvolvemento socioeconómico vigués infraestruturas como o porto pesqueiro e a lonxa viguesa -referentes a nivel europeo e internacional-, así como o conxunto de actividades vinculadas á pesca, á construción naval e ao tecido marítimo-industrial.
“Vigo é mar e é pesca, é porto, lonxa, barcos e estaleiros, pero tamén é a pegada que todo iso deixa na identidade da súa xente. Preservar ese vínculo histórico coa actividade pesqueira continúa a ser clave para o presente e o futuro da comunidade”, concluíu.