Nova

A Xunta apoia a conversión dunha antiga fábrica de salgadura en Portosín nun aloxamento sostible que pon en valor o patrimonio mariñeiro

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou as novas instalacións da Casa do Tella e Rosalía, un proxecto impulsado a través do GALP Costa Sostible

A iniciativa, que recibiu unha achega pública de máis de 190.000 euros, aposta pola eficiencia enerxética e o turismo mariñeiro

O Porto do Son (A Coruña), 7 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe en Portosín na inauguración da nova oferta de aloxamento sostible da Casa do Tella e Rosalía. Este proxecto, apoiado pola Xunta a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), permite darlle unha nova vida a un inmoble histórico vinculado á tradición industrial da vila, ofrecendo un servizo de calidade que complementa á súa recoñecida oferta gastronómica. 

Durante a súa visita ás instalacións, a titular de Mar destacou o valor desta iniciativa para diversificar a economía local. A conselleira subliñou que proxectos como este, que xeran emprego local e poñen en valor a identidade mariñeira do territorio, son fundamentais para avanzar na desestacionalización do turismo na Ría de Muros e Noia. 

A actuación consistiu na rehabilitación da planta superior dunha antiga fábrica de salgadura, que data de 1860, para uso hostaleiro, dotándoa de cinco habitacións e un total de dez prazas. O proxecto contou cun investimento de máis de 383.000 euros e unha axuda pública de 191.515 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Un dos piares da intervención foi a optimización de recursos medioambientais para reducir a pegada de carbono, incluíndo a instalación de xeotermia, iluminación led e billas automatizadas que reducen o desperdicio de auga ata un 50 %. 

Turismo mariñeiro

Ademais da vertente hostaleira, o proxecto mantén un forte vínculo co mar, cunha forte aposta dos seus promotores polo produto de proximidade.

O obxectivo é ofrecerlles aos hóspedes do aloxamento, así como aos clientes do restaurante, unha experiencia completa de turismo mariñeiro. Para iso, organizaranse visitas guiadas ao porto de Portosín co fin de presenciar a descarga e a poxa do peixe, coñecer as embarcacións por dentro e intercambiar impresións cos propios mariñeiros.

A actividade compleméntase cun obradoiro de cociña baseado no peixe azul. No acto tamén participaron o presidente do GALP Costa Sostible, José Mariano Lago Louro, e a xerente do establecemento, Montserrat Santos Lorenzo, ademais de representantes do concello e das confrarías da zona. 

Imaxes relacionadas