Nova
Gardacostas de Galicia decomisa unha embarcación e 525 quilos de semente de mexillón na ría de Pontevedra
No operativo, desenvolvido na contorna da Illa de Onza, participaron a patrulleira María Figueroa e a embarcación auxiliar do buque Sebastián de Ocampo
Os axentes incautaron tamén 10 raspas empregadas para a extracción e levantaron unha acta de presunta infracción
O bivalvo intervido depositouse inicialmente na lonxa de Portonovo para logo ser entregado ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa)
Santiago de Compostela, 7 de maio do 2026
O servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, levou a cabo un operativo de control e vixilancia na ría de Pontevedra que se saldou co comiso dunha embarcación e de 525 quilos de semente de mexillón extraída de xeito irregular.
A actuación desenvolveuse na contorna da Illa de Onza e foi froito dun traballo conxunto entre a Unidade Operativa de Pontevedra e a Unidade Operativa dos Servizos Centrais. Para o desenvolvemento deste dispositivo por mar, os axentes contaron co apoio da patrulleira María Figueroa e da embarcación auxiliar do buque multipropósito Sebastián de Ocampo.
Durante os labores de inspección, os efectivos autonómicos detectaron a actividade irregular e procederon a levantar unha acta de presunta infracción. Ademais dos 525 quilos de cría de bivalvo, os gardacostas incautaron unha embarcación auxiliar pertencente á 4ª lista e 10 raspas, útiles empregados habitualmente para raspar a semente das rochas.
Tras o operativo, as autoridades trasladaron inicialmente a mexilla incautada ás instalacións da lonxa de Portonovo, antes de ser entregada ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, para o seu aproveitamento nos labores formativos e de investigación do centro.
Desde o departamento autonómico lémbrase que a extracción e comercialización irregular de produtos do mar prexudica gravemente o labor dos profesionais que traballan respectando a normativa legal vixente, á vez que supón un risco para a saúde e para a sustentabilidade dos ecosistemas mariños.