Nova
Villaverde destaca a competitividade do Porto de Vigo que inviste ao redor de 12 M€ en infraestruturas pesqueiras
A conselleira do Mar visitou hoxe as instalacións portuarias viguesas e mantivo unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana
Destacou Vigo como "un motor económico do noso litoral” e reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector fronte aos retos actuais
Vigo, 8 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou hoxe unha visita institucional á Autoridade Portuaria de Vigo (APV), onde mantivo un encontro co seu presidente, Carlos Botana, para avaliar os proxectos estratéxicos e os investimentos que o porto está a desenvolver de xeito conxunto para consolidar o liderado internacional do peirao vigués. Así, Villaverde destacou o esforzo inversor que realiza a entidade, con ao redor de 12 millóns de euros, destinado á modernización das infraestruturas clave.
Entre as actuacións máis destacadas enumerou a mellora da lonxa e do mercado de peixe, os pantaláns para o cerco e baixura, a informatización da lonxa ou a renovación de peiraos de carga e portas seccionais, asegurando así a excelencia na cadea de frío do produto. Tamén o acondicionamento da Nave de Redeiras e a climatización do mercado e a urbanización da chaira anexa, optimizando a loxística operativa do recinto.
A titular de Mar aproveitou a visita para manter un encontro cos representantes da comunidade portuaria, incluíndo asociacións como Arvi, Acopevi, FUPV, a frota de cerco e a Confraría de Vigo. Villaverde escoitou as inquedanzas dos profesionais e reafirmou o compromiso da Xunta para actuar como ponte ante outras administracións en defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
A responsable autonómica lembrou que o Porto de Vigo pechou o primeiro bimestre de 2026 cun balance moi positivo, medrando un 1,1 % no seu tráfico total. "Estes datos confirman que Vigo é un motor económico do noso litoral”, afirmou. Por iso, insistiu en que “desde o Goberno galego seguiremos traballando para que as nosas lonxas e peiraos conten coas mellores ferramentas para competir nun mercado global cada vez máis esixente, reforzando a súas posibilidades como hub de alimentación e innovación a nivel mundial".
Na última parte da visita, Marta Villaverde e as demais autoridades convidadas completaron unha travesía marítima polas zonas operativas a bordo da embarcación Berbés.