Nova

Mar destaca no `Encontro Sober 2026` o apoio da Xunta á internacionalización e competitividade das empresas galegas

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A Xunta destina 11 M€ ata 2027 á promoción exterior dos produtos galegos e ao apoio ás empresas exportadoras

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou no coloquio “Das rías ao mundo: a internacionalización dos sectores pesqueiro e conserveiro”

Sober (Lugo), 8 de maio do 2026

A Xunta continúa impulsando medidas destinadas a fortalecer a presenza internacional das empresas da cadea mar-industria galegas, consolidando un sector estratéxico para a economía e a identidade marítima da comunidade. Neste senso, a internacionalización, a sustentabilidade e a defensa dos intereses do sector constitúen algúns dos principais eixos de actuación do Goberno galego.

Así o trasladou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, na mesa redonda celebrada no marco do Encontro Sober 2026: “Das rías ao mundo: a internacionalización dos sectores pesqueiro e conserveiro”, e que, nesta edición, reuniu a 400 profesionais e medio cento de relatores que abordaron o papel dos sectores primarios como motores da innovación.

En relación á apertura de novos mercados, Rosón explicou que a Consellería do Mar mantén unha colaboración destacado nas políticas orientadas á promoción exterior dos produtos do mar, así como ao acompañamento das empresas en feiras e encontros internacionais e á mellora da súa capacidade exportadora. Ademais, trabállase na colaboración co sector para facilitar a innovación, a modernización e a adaptación ás esixencias dos mercados globais.

Para avanzar neste camiño, a Xunta está despregando diferentes liñas de apoio. Un claro exemplo, tal e como detallou Rosón, son os 11 millóns de euros cos que a Administración autonómica favorece a presenza das pequenas e medianas empresas galegas en 51 feiras internacionais ata o 2027. O obxectivo, subliñou, é “consolidar o liderado da cadea mar-industria como a 15 potencia exportadora mundial”.

A Xunta reafirma así o seu compromiso coa defensa dun tecido económico vinculado ao mar “competitivo, sostible e con capacidade de seguir xerando emprego e riqueza no litoral galego”, apuntou o director xeral.

Contexto europeo

No referente ao impacto da normativa europea e dos acordos internacionais, outro dos asuntos abordados no coloquio, Galicia insiste na necesidade de garantir condicións de competencia equilibradas para a frota e a industria transformadora.

Neste contexto, a Xunta vén reclamando que as decisións comunitarias teñan en conta a realidade social e económica das rexións pesqueiras e que os acordos comerciais esixan aos produtos importados os mesmos estándares ambientais, laborais e sanitarios que se aplican ao sector europeo.

A sustentabilidade e a trazabilidade sitúanse tamén como elementos fundamentais, pois a calidade, a seguridade alimentaria e a orixe certificada constitúen factores diferenciais cada vez máis valorados polos consumidores.

Neste sentido, Rosón subliñou que Galicia aposta por unha pesca responsable, baseada na conservación dos recursos mariños e no respecto aos criterios científicos, ao tempo que reforza os sistemas de control e identificación dos produtos.

Imaxes relacionadas