Nova

Villaverde salienta na XXVIII Festa da Troita de Oroso as propiedades deste produto e o valor que ten para Galicia

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A Consellería do Mar colabora co evento, que reforza a actividade pesqueira desta especie e que, no último ano, acadou unha facturación próxima aos 12 M€

Oroso (A Coruña), 8 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na XXVIII Festa da Troita 2026 de Oroso, un evento gastronómico e cultural de referencia en Galicia e que pon en valor a riqueza fluvial e os produtos locais vinculados aos ríos galegos.

Durante a visita, a responsable autonómica destacou a importancia deste tipo de celebracións para dinamizar o rural, promover o turismo de proximidade e conservar as tradicións ligadas ao patrimonio natural e gastronómico da comunidade. Neste sentido, salientou o compromiso da Xunta coa promoción dos produtos acuícolas neste tipo de celebracións, que serven para o fortalecemento do sector e da identidade galega.

A conselleira percorreu os distintos espazos da festa, saudou aos organizadores, participantes e veciñanza e puxo en valor o traballo desenvolvido polas entidades locais e asociacións que fan posible a continuidade dunha cita xa consolidada no calendario festivo galego.

A Festa da Troita de Oroso reúne cada ano a centos de visitantes arredor da degustación deste produto típico. Nesta edición, o programa ten como unha das actividades principais un showcooking a cargo do cociñeiro Álex Iglesias. Boa proba da importancia da cita é que na edición do 2025, repartíronse no festexo arredor de 400 quilos deste produto.

O sector da acuicultura continental en Galicia acadou no pasado ano unha facturación próxima aos 12 millóns de euros. Na actualidade, existen 45 piscifactorías na comunidade, das que 22 manteñen unha actividade constante. A produción concéntrase, principalmente, nas provincias de Lugo e da Coruña.

Imaxes relacionadas