Nova
A Xunta promociona os produtos alimentarios galegos na feira internacional Tuttofood en Milán
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe a este evento, onde destacou a importancia de que empresas galegas participen neste tipo de mostras, que favorecen a comercialización en mercados internacionais
A Consellería do Medio Rural participa nesta feira coa presenza de empresas que elaboran produtos amparados pola IXP Ternera Gallega Suprema, a IXP Castaña de Galicia, Artesanía Alimentaria e de certificación ecolóxica
A Consellería do Mar desembarca cun espazo de 180 metros cadrados e 13 empresas coexpositoras para reforzar o liderado do complexo mar-industria
Milán (Italia), 11 de maio de 2026
A Xunta de Galicia está a promocionar na feira alimentaria Tuttofood de Milán os produtos alimentarios galegos, especialmente daqueles do distintivo de calidade diferenciada. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á primeira xornada deste evento gastronómico, onde destacou que a internacionalización do sector agroalimentario galego é clave para “seguir xerando valor engadido, fortalecer o medio rural e posicionar Galicia como referencia europea en calidade diferenciada”. Sinalou tamén que este tipo de eventos son unha oportunidade estratéxica para amosar ao mundo a excelencia da gastronomía galega e o potencial exportador das empresas.
A Consellería do Medio Rural participa nesta feira coa presenza de empresas que elaboran produtos cárnicos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, embutidos e repostería de Artesanía Alimentaria, ovos de agricultura ecolóxica e a IXP Castaña de Galicia. Ademais, o espazo conta cunha zona de cata propia na que se levará a cabo un amplo programa de actividades para dar a coñecer a calidade e versatilidade da gastronomía galega. Neste sentido, haberá degustacións dos viños, augardentes e licores tradicionais premiados nas Catas de Galicia 2025; así como catas e degustacións de cociña con produtos amparados baixo diferentes distintivos de calidade diferenciada.
Pola súa banda, a Consellería do Mar conta nesta edición cun pavillón institucional de 180 metros cadrados que serve de escaparate para 13 empresas galegas do sector transformador e conxelador. Este espazo está deseñado para potenciar a internacionalización de produtos de alto valor engadido, como as conservas de peixe e marisco ou os elaborados conxelados, facilitando que o tecido produtivo galego reforce a súa posición nun mercado estratéxico como o italiano.
A presenza en Tuttofood busca xerar sinerxías co sector alimentario para consolidar a imaxe de Galicia como referente de calidade e sostibilidade. Entre as empresas que participan da man da Xunta no ámbito marítimo-pesqueiro destacan firmas como Copemar, Carranco, Pereira Productos del Mar ou Marfrio, que aproveitan este foro global para abrir novas vías de comercialización e poñer en valor a excelencia das materias primas que saen das nosas rías.
Tuttofood
A feira Tuttofood é un dos eventos gastronómicos de maior relevancia no ámbito italiano. Comeza hoxe e estenderase ata o vindeiro xoves, día 14, nun espazo duns 80.000 metros cadrados de exposición no que estarán presentes 4.200 empresas expositoras procedentes de 70 países.