Nova

Villaverde defende unha reforma da PPC máis equilibrada e un fondo pesqueiro forte para garantir a competitividade do sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Destaca o carácter estratéxico da comunidade no ámbito marítimo-pesqueiro europeo, derivado da súa capacidade produtiva e da súa achega á seguridade alimentaria e ao impulso da economía azul

Alerta do impacto dos recortes continuados dos TAC e cotas na rendibilidade das empresas e avoga por abordar a protección dos ecosistemas mariños desde a ciencia e o diálogo cos territorios

Vigo, 12 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na décima edición do Galicia Market Place, onde salientou o papel de Galicia como “rexión estratéxica” no ámbito marítimo-pesqueiro, tanto pola súa capacidade produtiva como pola súa contribución á seguridade alimentaria, á cohesión territorial e ao desenvolvemento da economía azul europea.

Neste sentido, subliñou que “Europa non pode entender as súas políticas vinculadas ao mar sen Galicia”, xa que o litoral galego concentra unha parte moi significativa da frota da UE e lidera sectores clave como a pesca extractiva, a transformación, a conserva e a acuicultura.

Por este motivo, Villaverde defendeu unha futura reforma da Política Pesqueira Común (PPC) “máis equilibrada e pragmática”, que integre de forma efectiva criterios económicos e sociais xunto aos ambientais, e que favoreza a modernización das embarcacións, a remuda xeracional e o desenvolvemento sostible da actividade acuícola.

Neste contexto, advertiu da necesidade de manter un fondo específico para a pesca e a acuicultura como o Fempa e alertou do impacto negativo que tería a súa redución ou dilución, tal e como recolle a proposta inicial da Comisión Europea, que prevé unha diminución do 66 %. “Un sector estratéxico para Europa precisa un instrumento financeiro propio, forte e estable”, subliñou.

Retos

A conselleira tamén analizou os principais retos que debe afrontar o sector para seguir gañando competitividade no futuro. Entre eles, destacou o recorte continuado dos Totais Admisibles de Capturas (TAC) e das cotas de especies fundamentais.

Esta situación está a provocar que moitos barcos permanezan amarrados, que diminúa a rendibilidade das empresas, que se resinta toda a cadea de valor e que as zonas costeiras dependentes desta actividade se vexan especialmente afectadas. Así, advertiu de que “unha política baseada exclusivamente en reducións automáticas de capturas non é sostible nin social nin economicamente”.

Como segundo reto puxo o foco nos ecosistemas mariños vulnerables. “A súa protección é irrenunciable”, afirmou, pero debe abordarse desde o coñecemento científico e o diálogo cos territorios, evitando decisións uniformes que non teñan en conta a realidade das frotas.

Galicia leva anos demostrando que a actividade pesqueira e a conservación poden ser compatibles, polo que Europa debe contar coas rexións líderes e non impor solucións alleas ao territorio. É o caso da prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental. Unha medida, que afecta ao 25 % da frota galega, e que, en palabras de Villaverde, “é inxusta, arbitraria e tampouco atende ás particularidades do palangre demersal”.

Innovación e modernización

Finalmente, a responsable autonómica destacou o papel das rexións costeiras como “polos de coñecemento, innovación e investigación”, salientando que a comunidade se sitúa á vangarda na organización de procesos produtivos, na trazabilidade e na modernización industrial, grazas á estreita colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos, universidades e Administración.

Imaxes relacionadas