Nova
Martina Aneiros destaca o potencial da ría de Ferrol na apertura do Foro “Emprender no Mar: Oportunidades de Futuro”
Ferrol, 14 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou hoxe o potencial da ría de Ferrol para “xerar emprego, atraer talento e desenvolver novas iniciativas empresariais”. Fíxoo durante a apertura do Foro “Emprender no Mar: Oportunidades de Futuro”, organizado por AJE Galicia e coa colaboración coas oficinas ES·MAR, da Consellería do Mar.
O evento contou coa participación da asesora coordinadora das oficinas ES·MAR, Begoña Serra, e do asesor de transformación dixital de ES·MAR Ferrol, Brais Merino. Ambos explicaron o funcionamento do proxecto e os servizos que ofrece. Tamén abordaron a situación da ría, as saídas profesionais existentes no sector marítimo da zona e os empregos que contan con máis demanda, entre outros temas.
Aneiros aproveitou a cita para recalcar o compromiso da Administración autonómica, destacando a súa aposta “por fortalecer a economía azul, apoiar ás persoas emprendedoras e acompañar os sectores do mar na súa modernización, innovación e capacidade de crear futuro dende Galicia cara ao mundo”.