Nova
A Xunta destaca a contribución dos 339 proxectos GALP á dinamización do litoral galego
Estas iniciativas mobilizan nas rexións costeiras un investimento superior aos 45,9 M€
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na inauguración da xornada Medrando polo Mar, organizada polo Grupo da Costa da Morte
Carballo (A Coruña), 14 de maio do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na inauguración da xornada Medrando polo Mar, organizada polo Grupo de Acción Local Participativo (GALP) Costa da Morte, un encontro centrado no impulso a proxectos e oportunidades que ofrecen estes entes promovidos pola Xunta para a dinamización das rexións costeiras.
“Os Galp son moito máis que unha ferramenta de planificación”, xa que permiten “construír futuro desde o territorio, escoitando ás persoas e transformando ideas en proxectos con impacto real”, subliñou V. Suárez.
A este respecto, a directora xeral lembrou os resultados acadados en Galicia nas convocatorias dos anos 2023, 2024 e 2025, nas que actualmente están en execución 339 proxectos cun investimento global superior aos 45,9 millóns de euros. Desa contía, preto de 25 millóns corresponden a axudas públicas e máis de 21 millóns a investimento privado mobilizado.
Segundo indicou, estes datos evidencian que “cando hai estratexia, hai resposta; cando hai visión compartida, hai confianza; e cando hai acompañamento, hai investimento e oportunidades”.
Finalmente, V. Suárez abordou a importancia deste tipo de encontros para compartir experiencias, xerar colaboracións e seguir avanzando nun modelo de desenvolvemento sustentable e innovador para o litoral galego. “Medrar polo mar é, en realidade, medrar como territorio e medrar como Galicia”, concluíu.