Nova
Rueda anuncia a sinatura dun convenio de colaboración coa confraría de Noia por 1,6 M€ para a restauración dos hábitats e zonas de produción marisqueira
Explica que a medida, autorizada hoxe polo Consello, se enmarca no plan extraordinario de 22,7 M€ impulsado polo Goberno galego para a recuperación dos bancos tras os temporais do pasado inverno
Indica que se trata do “primeiro convenio de colaboración ao abeiro deste plan” e que nas vindeiras semanas iranse asinando novos convenios con outras entidades
Permitirá financiar os traballos de rexeneración realizados desde o cesamento de actividade aos que se incorporarán gradualmente profesionais do colectivo de mariscadoras a pé
As actuacións inclúen a limpeza de fondos, o acondicionamento de substratos e o control de especies depredadoras para favorecer a produtividade
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026
A Xunta, tal e como anunciou hoxe o presidente galego, Alfonso Rueda, dá un novo paso na execución do plan extraordinario de 22,7 millóns de euros para “colaborar na rexeneración e recuperación dos bancos marisqueiros galegos tras os temporais do inverno”. Así, o Consello autorizou esta mañá a sinatura do “primeiro convenio de colaboración ao abeiro deste plan" que, neste caso, foi coa Confraría de Pescadores de Noia. Este acordo, dotado con “preto de 1,6 millóns de euros” e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), permitirá desenvolver tarefas de restauración ambiental durante as anualidades 2026 e 2027.
O convenio recolle un Plan de “restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira” cun cronograma detallado para a implicación directa do sector nas tarefas de recuperación. Ademais, permitirá remunerar os labores realizados desde o peche dos bancos nesta zona. O obxectivo é actuar de xeito integral sobre os hábitats de especies estratéxicas como o berberecho e as diferentes variedades de ameixa.
Este plan, cuxo ámbito de actuación se centra no esteiro do Tambre e na enseada de Esteiro, considera a participación progresiva das profesionais. Rueda indicou que comezarán 40 persoas, o número ampliarase a 110 en maio e “chegará ata as 200 a partir de setembro”. Unhas profesionais que levarán a cabo tarefas esenciais como a retirada de algas verdes e cunchas, ou os rareos e os traslados de especies comerciais, mobilizando equipos de 40 persoas durante varios días ao mes. Así, o presidente explicou que poderán recibir “unha remuneración de ata 700 euros por entre 10 e 12 días ao mes” de participación nestas tarefas mentres os bancos estean pechados.
Entre as accións biolóxicas máis destacadas atópase a sementeira de ameixa no banco de Misela I, cunha proxección de 8 millóns de unidades neste ano 2026 e 2 millóns en 2027, labores que executarán equipos específicos de 20 persoas. Así mesmo, o plan recolle o control exhaustivo de depredadores cunha embarcación que prevé retirar uns 1.000 quilos semanais de estrelas de mar e cangrexos, ademais de garantir a vixilancia diaria dos bancos con quendas de ata 32 persoas e a realización de mostraxes para o control da evolución dos areais.
Cunha vixencia que se estende inicialmente ata o 31 de decembro de 2027, o acordo garante a continuidade dos labores de mantemento necesarios para facer fronte aos efectos dos temporais e á baixa salinidade. Con este investimento, a Xunta non só traballa na recuperación biolóxica dos areais, senón que asegura unha alternativa de actividade e de ingresos para o sector mentres os bancos recuperan os seus niveis óptimos de produción.
Así, Rueda indicou que a parte máis importante do plan extraordinario aprobado pola Xunta –19 M€– está destinada a “asinar convenios coas propias confrarías”, como é o caso da de Noia, e que nas vindeiras semanas iranse asinando novos convenios con outras entidades. “Ata o momento, hai 21 que xa amosaron o seu interese en adherirse”, destacou.