Nova

Villaverde destaca o momento histórico de expansión do naval galego na inauguración da X edición de Navalia

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar subliñou que a industria acada os mellores niveis de actividade dos últimos 15 anos e asume xa o 34 % dos novos encargos de toda España

O Goberno galego referenda o seu apoio a un sector estratéxico que xera uns 14.000 empregos directos e achega o 3,5 % do PIB autonómico

A feira internacional bate récords ao triplicar o número de expositores desde os seus inicios e agarda recibir a uns 20.000 profesionais nas instalacións do IFEVI

Vigo, 19 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no acto de inauguración da décima edición da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia), no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). Durante a súa intervención, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, polo presidente de Navalia, José García, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou o excelente estado de saúde dun sector declarado como estratéxico pola Xunta e que vive un "momento histórico de expansión", rexistrando os mellores niveis de actividade dos últimos 15 anos e consolidándose como un referente a nivel mundial.

Villaverde lembrou que, nunha comunidade con máis de 1.500 quilómetros de costa, “necesariamente, as nosas industrias máis fortes tiñan que vertebrarse, emerxer e consolidarse en estreito vínculo co mar e as súas actividades”. Neste sentido, enxalzou o papel da construción naval que, xunto coa automoción, representa un dos principais piares e motores socioeconómicos do tecido industrial vigués e de toda a Comunidade galega.

A titular de Mar puxo en valor a enorme incidencia desta industria na economía de Galicia. Actualmente, o naval achega o 3,5 % do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade e xera uns 14.000 postos de traballo directos. Ademais, os estaleiros galegos asumen xa o 34 % dos novos encargos a nivel nacional. Para consolidar este crecemento, o Goberno galego mantén activo o Plan Director da Construción Naval 2025-2027, deseñado para achegar o apoio institucional e administrativo necesario ao sector.

Éxito de convocatoria

Así mesmo, Villaverde eloxiou o crecemento exponencial de Navalia tras case 20 anos dun “traballo serio, ben planificado e constante”, ata converterse na primeira feira de España e nunha cita punteira no sur de Europa. O certame logrou triplicar o número de expositores desde o seu nacemento e reforzar a súa proxección internacional, con delegacións de China, o sueste asiático e unha ampla representación dos principais países europeos e latinoamericanos.

Ante os 20.000 profesionais que se agardan nesta edición, a responsabilidade autonómica incidiu en que o evento é tamén un escaparate inmellorable para o emprendemento e a captación de talento mozo, lembrando que a inserción laboral nesta industria é practicamente inmediata ao rematar a formación técnica. “Creo que os obxectivos que inspiraron a posta en marcha desta gran feira internacional están sobradamente cumpridos”, concluíu Villaverde, garantindo que os responsables do sector seguirán contando co apoio da Xunta de Galicia nun próspero camiño que require seguir traballando con idéntica tenacidade e ambición.

Imaxes relacionadas