Nova
Villaverde destaca o papel estratéxico de Galicia como referente internacional na investigación mariña
A conselleira do Mar participou no encontro organizado en Vigo polo IIM-CSIC con motivo do seu 75 aniversario
Vigo, 27 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe en Vigo nun encontro organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas con motivo do seu 75 aniversario. Durante a súa intervención, a responsable autonómica felicitou ao IMM-CSIC por esta traxectoria e destacou o papel estratéxico dos centros situados en Galicia como ferramenta clave para reforzar a posición da nosa comunidade como referente internacional no ámbito da investigación dos océanos e da innovación aplicada ao sector.
A titular de Mar puxo en valor a actividade científica dos centros dependentes da Consellería do Mar —Intecmar, Cetmar e Cima— xunto coas tres universidades galegas, o propio IIM-CSIC e o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro Atlántico de Vigo. Segundo sinalou, esta colaboración permite “promover sinerxías entre institucións e maximizar o impacto do coñecemento empírico e especializado sobre o tecido produtivo”.
Villaverde definiu este ecosistema investigador como “un instrumento decisivo para o impulso da actividade marítimo-pesqueira, tanto en termos de competitividade como da capacidade para dar resposta aos principais desafíos do medio mariño”.
O encontro reúne a persoal investigador deste ámbito co obxectivo de afondar na colaboración, a través da ciencia, a innovación e a transferencia de coñecemento para afrontar os grandes retos relacionados coa sustentabilidade dos mares.