Nova

Villaverde salienta a alianza entre a ciencia e o mar co gallo do Día Marítimo Europeo que a Xunta lle dedica este ano a Redemar

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou o encontro a bordo do 'Hidria Segundo' en Vigo para poñer en valor a transferencia de coñecemento directo entre os científicos e o sector extractivo galego

Redemar consolídase como unha plataforma pública estratéxica, con 18 proxectos en curso e un orzamento de 2,4 M€ que conecta a investigación coas necesidades reais dos profesionais

Vigo, 27 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe no acto de celebración do Día Marítimo Europeo, que este ano a Xunta lle dedica a Redemar. A conselleira destacou o papel clave desta rede autonómica como interlocutora entre os organismos técnico-científicos e os profesionais do mar, poñendo en valor os diversos proxectos en marcha destinados a acadar un equilibrio real entre a protección ambiental, a rendibilidade económica e o mantemento do emprego costeiro.

“Se algo aprendemos nos últimos anos é que os desafíos que afectan ao mar non poden abordarse de maneira illada”, sinalou Villaverde durante a súa intervención, e insistiu en que a sustentabilidade e o futuro do sector dependen directamente de que a ciencia e a actividade produtiva camiñen da man. Neste sentido, a titular de Mar subliñou que desde a Administración autonómica asúmese o firme compromiso de “apoiar ao noso sector desde o coñecemento, a innovación e a responsabilidade” para acadar un tecido marítimo-pesqueiro máis competitivo.

A conselleira do Mar tamén fixo fincapé na necesidade de avanzar cara a unha xestión baseada no rigor, recordando que “a mellor ferramenta para defender a viabilidade da nosa frota ante calquera foro ou normativa é contar con aval científico e datos incuestionables”. Do mesmo xeito, puxo en valor que Redemar non só busca dar solucións técnicas, senón tamén “acadar un equilibrio real entre a protección ambiental, a rendibilidade económica e o mantemento do emprego nas nosas comunidades costeiras”.

Ademais, a xornada acolleu unha mesa redonda moderada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na que participaron a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, o director do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), Carlos Gabín, e o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez.

Con esta iniciativa, a Consellería do Mar reafirma o seu compromiso coa innovación e o coñecemento, consolidando esta plataforma como unha ferramenta pública esencial para facer fronte con rigor aos retos ambientais do noso litoral e garantir a sustentabilidade de toda a cadea mar-industria.

Proxectos e investimento

A rede Redemar, creada en 2022, arrancou en 2023 cos seus primeiros 11 proxectos de investigación. Desde entón, o Goberno galego leva investidos nesta estratexia un total de 7,3 millóns de euros —dos cales 2,4 millóns corresponden a este ano—, un impulso económico que permitiu elevar o número de iniciativas ata as 30, con 18 delas actualmente en curso.

Estas investigacións que están en marcha céntranse en temáticas clave para o sector, destacando o estudo da situación dos recursos biolóxicos mariños, a avaliación dos posibles efectos do cambio climático sobre o litoral e o desenvolvemento de tecnoloxías para a optimización da xestión pesqueira.

Imaxes relacionadas