Nova
Mar amplía un mes o prazo de extracción de mexilla en banco natural tras reunirse co sector na Comisión do Mexillón
O Goberno galego e o sector avanzan de xeito conxunto na elaboración do futuro Decreto de Acuicultura de Galicia para potenciar o seu desenvolvemento estratéxico
A apertura do polígono Sada 2 na ría de Ares-Betanzos e de zonas en Pontevedra marcan os primeiros signos de remisión do actual episodio de biotoxinas
Santiago de Compostela, 28 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, presidiu hoxe a Comisión do Mexillón, na que se acordou ampliar un mes o prazo para a extracción de mexilla en banco natural. Deste xeito, a campaña de recollida de cría, que tiña fixada a súa data de finalización para o vindeiro 31 de maio tras a prórroga acordada na anterior sesión, estenderase de xeito excepcional durante todo o mes de xuño co fin de facilitar o abastecemento e garantir a produción das bateas galegas.
O encontro tamén serviu para seguir avanzando na redacción do novo Decreto de Acuicultura de Galicia. O Goberno galego mantén a súa folla de ruta para perfilar este futuro marco normativo da man do sector, un proceso aberto e participativo que busca consolidar a ordenación, sustentabilidade e modernización de todo o tecido acuícola mariño da comunidade aproveitando a experiencia directa dos profesionais.
Por outra banda, a Comisión analizou a evolución do actual episodio de biotoxinas mariñas, que nas últimas semanas mesmo obrigou ao peche de todos os polígonos de mexillón. Na xuntanza constatouse o inicio dunha tendencia favorable grazas ao descenso da microalga Dinophysis acuminata observado nas mostras máis recentes recollidas ao longo do litoral, o que permitiu decretar hoxe mesmo a reapertura do primeiro polígono de batea —o de Sada 2, na ría de Ares-Betanzos— así como dunha zona de extracción de moluscos infaunais na ría de Pontevedra.
Con todo, as condicións meteorolóxicas actuais non favorecen unha rápida renovación da auga nas rías, polo que os técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), centro dependente da Xunta e punteiro en Europa, prevén que o proceso de desintoxicación natural dos bivalvos sexa lento.