Nova

A Xunta solicita a retirada dos proxectos estatais para as artes menores de enmalle e volanta ao acreditar cero capturas de marsopa en 27 anos

A Consellería do Mar presenta alegacións formais contra as dúas resolucións do Ministerio ao demostrar con máis de 17.500 lances monitorizados desde 1999 que a frota galega non ten impacto nesta especie

O Executivo autonómico acusa de "arbitrariedade" e "inseguridade xurídica" a Madrid por inventar unha "área crítica" de 790.000 hectáreas sen cartografía, sen informes técnicos nin plans de recuperación aprobados.

Tamén denuncia recorte dos prazos de participación pública a só sete días hábiles e esixe que non se impoñan custos indiscriminados de aparellos disuasorios sen aval científico

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2026

A Xunta de Galicia formalizou a presentación de dous completos documentos de alegacións ante a Secretaría Xeral de Pesca nos que solicita a retirada inmediata do borrador de resolución estatal que pretende impoñer o uso obrigatorio de dispositivos acústicos de disuasión (pingers) tanto aos buques de artes menores que traballan con enmalle como á frota que faena co arte de volanta no caladoiro Cantábrico e Noroeste. O Goberno galego sostén que ambas as dúas propostas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación carecen dunha motivación técnica minimamente sólida e ignoran os datos reais do impacto destas actividades na zona.

O informe técnico remitido pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica desmonta os argumentos do Executivo central grazas aos rexistros históricos obtidos polo propio sistema de observación a bordo da Administración autonómica, operativo desde o ano 1999. De acordo con esta serie histórica rigorosa, o persoal científico embarcado monitorizou de xeito directo máis de 17.512 lances de artes de enmalle fixos (coma miños, trasmallos, betas, volantillas, volantines ou raeiras) sen que se teña contabilizado nin un só caso de captura accidental de marsopa común (Phocoena phocoena) en 27 anos. Os únicos dous eventos illados rexistrados nese período corresponderon a exemplares de golfiño mular. 

A Consellería do Mar cualifica de "inadmisible" que o Ministerio pretenda xustificar restricións e obrigas de xeito indiscriminado á frota a través dunha suposta "área crítica" que mide 789.953 hectáreas —e que abrangue desde a liña de costa ata os 200 metros de profundidade entre o río Miño e o Cabo Prior— sen achegar ningunha representación cartográfica, ningunha xustificación técnica nin o preceptivo instrumento xurídico de aprobación. A Xunta lembra que o Goberno central incumpriu todos os prazos legais para aprobar o Plan de Recuperación da marsopa en España (caducado desde finais de 2023) e que os dous borradores actuais confunden as definicións de "área de distribución" e "área crítica" fixadas na normativa básica de biodiversidade, incorrendo nunha evidente arbitrariedade xeográfica. 

Sen transparencia nin axudas

Así mesmo, as alegacións de Galicia denuncian que o Ministerio limitou de maneira deliberada a capacidade de participación e audiencia do sector e das comunidades autónomas nas dúas normativas. O prazo de consulta pública recortouse de xeito inxustificado ao mínimo legal de sete días hábiles para ambos os dous textos sen mediar ningunha urxencia formulada, ocultando ademais a obrigatoria Memoria do Análise de Impacto Normativo. Isto impide coñecer os estudos económicos e as alternativas regulatorias avaliadas ante unha orde que suporá un dobre custe económico para os profesionais do mar pola adquisición de aparellos e o recambio constante de baterías. 

Para a Xunta, resulta insostible que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación tramite á présa esta resolución de rango inferior mentres mantén paralizado e en fase de consultas o Real Decreto marco sobre capturas accidentais presentado en xaneiro. Por todo isto, o Executivo galego esixe frear este atropelo administrativo, retirar ambos os dous textos e deseñar calquera estratexia futura sobre proxectos piloto reais que analicen previamente o rendemento pesqueiro e a protección ambiental con rigor científico, e non a golpe de imposicións.