Nova

Villaverde destaca o papel estratéxico da miticultura galega e reclama máis apoio europeo para o sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Defende a inclusión da acuicultura no sector primario e, por tanto, a súa exclusión da Directiva de Servizos da UE

A conselleira do Mar clausurou a xornada organizada por Opmega sobre os retos do sector no novo contexto xeopolítico e económico

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 29 de maio do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, clausurou a xornada “Miticultura en clave europea: retos actuais e perspectiva de futuro”, organizada pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) co fin de analizar os desafíos que afronta este sector no futuro escenario xeopolítico e financeiro da UE. 

Villaverde puxo en valor a capacidade innovadora, a sustentabilidade e a competitividade desta actividade, que cualificou de “estratéxica para Galicia”. A comunidade, con preto de 200.000 toneladas anuais, produce arredor da metade de todo o mexillón cultivado en Europa.

“O noso mexillón é un produto recoñecido pola súa calidade, trazabilidade e modelo sostible de produción”, asegurou. Ao mesmo tempo, salientou que “detrás deste éxito hai xeracións enteiras de profesionais do mar, investigación científica e empresas que souberon modernizarse”.

Porén, gabou o labor desenvolvido por Opmega ao longo das últimas décadas na defensa dos intereses do sector e na súa profesionalización, especialmente nun contexto internacional “cada vez máis complexo”, no que considerou fundamental garantir o abastecemento alimentario, reforzar a autonomía produtiva e apoiar os sectores locais; ámbito no que “Galicia leva moito tempo dando exemplo”, remarcou.

Máis apoio europeo

Por este motivo, e coa finalidade de garantir o seu futuro, a conselleira incidiu na necesidade de establecer “normas claras, menos burocracia e unha maior participación das rexións e dos profesionais nos procesos de toma de decisións”. Neste senso, defendeu o recoñecemento da acuicultura como parte do sector primario e insistiu en que non debe aplicárselle a Directiva de Servizos da UE, ao considerar que sería prexudicial para os intereses do sector.

Tamén se referiu á negociación do novo Marco Financeiro Plurianual, defendendo a continuidade de instrumentos específicos de apoio á pesca e á acuicultura, como o Fempa, para seguir modernizando instalacións e mellorando a competitividade destas actividades produtivas.

Imaxes relacionadas