Nova

A Xunta asina coa Confraría de Muros o terceiro convenio do Plan extraordinario de apoio ao marisqueo

1 de 2
2 de 2

Finánciase a totalidade do proxecto solicitado pola entidade, dotado con máis de 352.000 €, destinando máis do 89% a compensar ás persoas mariscadoras polas tarefas de rexeneración dos bancos marisqueiros

Marta Villaverde censura que o Estado esquive a exención das cotas do ISM ás mariscadoras e tampouco destine recursos económicos a Galicia

O pósito muradán súmase aos de Noia e Vilaxoán, que xa formalizaron os seus convenios e aos que se van unirán novas confrarías nas vindeiras semanas

Muros (A Coruña), 01 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe co patrón maior da Confraría de Pescadores de Muros, Daniel Formoso Moledo, o convenio de colaboración que activa o plan de restauración ambiental das súas zonas produtivas. Cun orzamento de 352.403,10 euros, financiado integramente pola Administración autonómica, este acordo supón un paso firme na cogobernanza ao executar as accións deseñadas polo propio sector para paliar a mortaldade de bivalvos do inicio do ano.

A firma impulsa un compoñente social crucial, xa que permite compensar con ata 700 euros mensuais ás persoas mariscadoras que participan nestes labores de rexeneración, destinando máis do 89 % do importe total do convenio directamente ao pago destas compensacións.

Villaverde contrapuxo esta axilización de fondos autonómicos co "inmobilismo" do Estado, censurando que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións aínda non materializase as exencións de cotas demandadas por Galicia en marzo. "O Goberno galego fixo os seus deberes activando este plan de choque, pero a desidia do Goberno central mantén a Galicia —declarada zona gravemente afectada polo temporais— sen axudas estatais, o que supón unha discriminación fronte a outras comunidades", criticou.

Con esta sinatura, a Confraría de Muros convértese na terceira entidade galega en formalizar o seu convenio bilateral coa Consellaría do Mar, sumándose a Noia e Vilaxoán, que xa rubricaron os seus respectivos plans de actuación. Este acordo forma parte do fondo extraordinario de 22,7 de millóns de euros mobilizado polo Goberno galego -cofinanciado nun 70 % a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa)—, un programa de choque ao que se sumarán novas entidades a medida que completen a tramitación técnica para devolver a máxima produtividade ao noso litoral.

Rexeneración e sementeiras

O proxecto técnico prevé a mobilización progresiva de ata 71 profesionais e centrarase nas zonas produtivas da praia do Castelo e os bancos da enseada de Esteiro (praia de Esteiro e desembocadura do río Maior). O plan de traballo estrutúrase a través de labores manuais de descompactación e osixenación do substrato para optimizar o asentamento dos bivalvos, complementados coa retirada de algas ou cunchas e a clasificación do lixo mariño para o seu posterior tratamento ecolóxico.

Asimesmo, o documento subscribe o obxectivo de incrementar a biomasa dos bancos mediante sementeiras a comezos de outubro. O plan complétase cun programa bimensual de mostraxes e seguimento biolóxico, quendas de vixilancia diaria de catro horas nas baixamares diúrnas e accións formativas específicas orientadas á aprendizaxe de técnicas de semicultivo e á identificación precoz de especies exóticas invasoras.

Imaxes relacionadas