Nova

Villaverde destaca o liderado de Galicia na acuicultura nacional e o compromiso da Xunta co sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Sitúa esta actividade como “un dos motores da nosa economía azul”, con máis de 2.600 empresas e 5.600 empregos

Pon en valor o apoio do Goberno galego  ao impulso de novos proxectos industriais coa activación a finais de ano pasado da convocatoria de axudas, dotada con preto de 60 M€ 

A Consellería do Mar tamén avanza na elaboración do Decreto de Acuicultura de Galicia, que dará maior estabilidade e seguridade xurídica ao sector

Vigo, 1 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o liderado de Galicia na acuicultura nacional durante a inauguración do XX Congreso da Sociedade Española de Acuicultura, que se celebra ata o xoves, en Vigo.

Como mostra desta posición de referencia, Villaverde indicou que o tecido acuícola galego intégrano máis de 2.600 empresas, que xeran arredor de 5.600 empregos e acadan unha facturación anual de 247 millóns de euros, consolidándose “como un dos  motores da nosa economía azul”.

Neste contexto, a responsable autonómica puxo especial énfase no Mexillón de Galicia, definíndoo como “a estrela das rías galegas e un exemplo da excelencia asociada á marca Galicia Calidade”. Así, lembrou que a produción mitícola representa preto do 94% da produción de acuicultura mariña da comunidade, con máis de 177.000 toneladas producidas o pasado ano.

Compromiso da Xunta

Para a conselleira estes datos amosan “a fortaleza dun sector que segue avanzando en modernización, sustentabilidade e competitividade”, grazas ao apoio decidido da Xunta. Segundo a conselleira, o compromiso do Goberno galego susténtase “nunha estratexia baseada no investimento e no diálogo continuo cos distintos elos da cadea produtiva”.

Neste senso, lembrou a convocatoria de preto de 60 millóns de euros en axudas activada a finais do 2025 para impulsar novos proxectos empresariais, fomentar a innovación e mellorar a competitividade das empresas acuícolas galegas. Tamén destacou medidas consensuadas co propio sector, como a ampliación nun mes do prazo para a extracción de mexilla en banco natural, acordada a pasada semana no seo da Comisión do Mexillón, co fin de garantir o abastecemento e reforzar a capacidade produtiva das bateas galegas.

No marco desta colaboración, Villaverde avanzou que o Goberno galego continúa traballando na futura regulación da actividade a través do Decreto de Acuicultura de Galicia, unha norma que contará coa participación dos profesionais para responder ás necesidades reais do sector e ofrecer maior seguridade xurídica e estabilidade.

Ciencia, formación e innovación

Na súa intervención, a conselleira subliñou que o crecemento sostible da acuicultura tamén depende da capacidade dos produtores para incorporar coñecemento, innovación e talento. A este respecto, subliñou a importancia da coordinación entre o ámbito científico e o produtivo para afrontar retos como o cambio climático, a sustentabilidade ou a remuda xeracional.

Neste eido, puxo en valor o labor de organismos dependentes da Xunta como o Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de investigacións Mariñas (Cima) e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

Imaxes relacionadas