Nova
Villaverde detalla no Parlamento o plan excepcional de 23 M€ e a aposta da Xunta pola cogobernaza real para recuperar o marisqueo
A conselleira do Mar debulla a folla de ruta do Goberno galego ante o impacto dos temporais de inicio de ano, que deixaron precipitacións acumuladas de máis de 1.000 litros por metro cadrado nas Rías Baixas
Villaverde destaca a validación do 100 % dos proxectos deseñados polos propios pósitos e avanza a sinatura dos convenios de Cabo de Cruz e Vilanova de Arousa, aprobados onte polo Consello da Xunta, por importe de máis de 1,8 M€
A responsable autonómica afea o "inmobilismo" e a "desidia" do Goberno central por manter á comunidade sen axudas estatais e ignorar a reclamación galega de eximir do pago das cotas do ISM ás mariscadoras afectadas
Santiago de Compostela, 2 de xuño do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta do abano de medidas impulsadas polo Executivo autonómico co obxectivo de reverter os efectos dos temporais do inicio do ano nos bancos marisqueiros. Villaverde defendeu unha folla de ruta fundamentada rigorosamente en criterios científicos e codeseñada man a man co sector, cuxa peza central é o plan de choque dotado con case 23 millóns de euros —cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa)— para a rexeneración dos areais e o sostemento económico das familias do mar.
A conselleira explicou que a situación actual vén condicionada polo acontecido en outono de 2023, cando unha vaga de calor anómala primeiro, e as intensas precipitacións posteriores provocaron unha alta mortaldade dos bivalvos. Con todo, o ano pasado existía signos de recuperación cun importante stock precomercial que non puido soportar o impacto do tren de oito borrascas consecutivas que azoutou o noso litoral entre xaneiro e febreiro deste ano.
Villaverde puxo especial énfase en que os plans de restauración non son unha imposición da Administración, senón o maior exemplo de "cogobernanza real". A Consellería valida e financia a totalidade do orzamento e das accións que cada pósito determina como necesarias para as súas praias (acondicionamento de substrato, sementeiras, control de depredadores ou vixilancia), ademais de garantir unha compensación de ata 700 euros mensuais (58 € por xornada, correspondente ao salario mínimo interprofesional para traballadores eventuais) para as mariscadoras que realizan estas tarefas de recuperación e un 7 % adicional para os custos de xestión das propias entidades.
Nesta liña destacou o avance destes convenios bilaterais. Aos xa asinados con Noia, Vilaxoán e Muros, sumouse onte a autorización no Consello da Xunta dos convenios de Cabo de Cruz e Vilanova de Arousa, que mobilizan conxuntamente máis de 1,8 M€. O proxecto técnico boirense de Cabo de Cruz disporá de case 1,4 M€ para actuar sobre máis de dous millóns de metros cadrados e sementar 2,3 millóns de unidades de ameixa fina e babosa coa implicación de 163 profesionais. Pola súa banda, Vilanova de Arousa contará con preto de medio millón de euros para coordinar a 65 mariscadoras a pé en labores de semicultivo e a sementeira de 650.000 unidades de bivalvos.
Estratexia de futuro e esquecemento estatal
Como estratexia estrutural para blindar o sector a medio prazo, a conselleira do Mar anunciou a posta en marcha de medidas complementarias de gran calado técnico, como a tramitación dos cambios normativos para prorrogar os plans de xestión vixentes ata o ano 2029 e a dotación dun fondo propio de 1,5 millóns de euros para sementeiras non amparadas polo Fempa.
Tamén destacou a inxección de dous millóns para restaurar a biodiversidade, o desenvolvemento do proxecto MaruxIA —un xemelgo dixital con intelixencia artificial dotado con tres millóns de euros para predicir episodios de baixa salinidade—, o deseño do Plan de Acción do Marisqueo 2026-2031 e o pleno funcionamento do criadeiro do Vicedo, operativo dende abril e que poderá fornecer ata tres millóns de unidades de ameixa autóctona ao ano.
Por último, Marta Villaverde afeou con dureza a falta de implicación do Goberno central nunha problemática que afecta maioritariamente a mulleres autónomas do mar. A responsable autonómica cualificou de "profundamente inxusto" que as mariscadoras se vexan obrigadas a seguir pagando ao Instituto Social da Mariña (ISM) unha cota mensual de case 300 euros a pesar de ter a actividade suspendida por forza maior. Así, lembrou que a Xunta enviou unha carta formal á dirección do ISM o pasado 13 de marzo esixindo a exención destas cotas sen que, case tres meses despois, se teña recibido ningunha resposta por parte do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
A conselleira tamén afeou ao Executivo central “que leve destinados cero euros a Galicia” polos danos dos temporais, a pesar de que o Consello de Ministros do día 10 de febreiro xa declarara á nosa comunidade como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil. Esta mesma declaración outorgoulla a Andalucía e Estremadura, pero ao contrario delas, para as que xa se habilitaron axudas, “como sempre que se trata de Galicia, o Goberno prefire mirar para outro lado”, lamentou.