Nova

Villaverde destaca na feira ‘Salimat` en Silleda a calidade, sustentabilidade e diversidade dos produtos do mar de Galicia

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A participación da Consellería, a través do stand GALICIA SABE AMAR, enmárcase na estratexia de promoción do sector, dotada con 11 M€ para o bienio 2026-2027

Silleda (Pontevedra), 6 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este sábado o stand institucional GALICIA SABE AMAR, presente no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se celebra no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda. Este espazo sitúase como un dos principais puntos de encontro para a promoción e valorización dos produtos pesqueiros e acuícolas galegos, a través dun completo programa de degustacións e demostracións gastronómicas.

Así, o expositor da Consellería do Mar ofrece ao longo do certame distintas preparacións con Mexillón de Galicia, rodaballo de acuicultura, produtos identificados coa marca PescadeRías, peixe de litoral comercializado polas OPP-13 Pesca Fresca do Porto da Coruña e OPP-83 Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira, Merluza do Pincho e Bonito do Norte -ambos procedentes de Burela-, ademais de propostas innovadoras centradas no aproveitamento culinario de algas mariñas.

Durante o percorrido, a dirixente autonómica destacou a calidade, sustentabilidade e diversidade dos produtos das rías galegas, así como o labor dos profesionais da pesca, do marisqueo, da acuicultura e da transformación alimentaria, que contribúen a situar a comunidade como referencia internacional no ámbito marítimo-pesqueiro.

Neste contexto, Villaverde subliñou que iniciativas como esta permiten achegar ao consumidor a riqueza da despensa mariña e por en valor os sistemas de produción sostibles que caracterizan ao sector. “Trátase de alimentos de altísima calidade, cun importante valor nutricional e cun impacto moi positivo para a economía das zonas costeiras”, afirmou.

A presenza da Consellería do Mar en Salimat enmárcase na estratexia de promoción dos produtos do mar de Galicia, unha liña de actuación á que este departamento destina 11 millóns de euros no bienio 2026-2027.

Imaxes relacionadas