Nova
Mar avalía o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito nunha reunión de seguimento co sector
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, dirixiu o encontro sobre o desenvolvemento do Plan de xestión da sardiña coa arte de xeito co fin de garantir unha explotación sustentable do recurso
Santiago de Compostela, 5 de xuño do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovactión Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo hoxe unha reunión de seguimento co sector pesqueiro para analizar a aplicación e desenvolvemento do Plan de xestión da sardiña con arte de xeito correspondente ao 2026, unha ferramenta fundamental para garantir a explotación sustentable deste recurso e a adecuada administración da cota dispoñible.
É a segunda xuntanza que se celebra neste ano, correspondente ao segundo trimestre. Nela participaron as organizacións pesqueiras que forman a mesa do xeito. A reunión serviu para revisar os principais aspectos do plan, aprobado para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, e que regula a captura da sardiña (Sardina pilchardus) e da xouba nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Entre as medidas contempladas neste proxecto destacan os límites de captura establecidos para asegurar o control do stock (100 quilos por tripulante a bordo e día, aos que se lle sumarán otros 100 barco/día) e evitar o esgotamento da cota asignada, así como o mantemento dun seguimento rigoroso das tallas mínimas autorizadas (11 centímetros). Por ultimo, adoptouse establecer un tope de captura de 80 quilos por tripulante a bordo e día, aos que se lle sumarán outros 80 quilos/barco/día.
Ademais, regula o emprego da arte do xeito, unha modalidade tradicional de enmalle de grande selectividade e forte arraigamento na costa galega. Neste caso, especifícase que a dimensión de malla estará comprendida entre os 23 e os 40 milímetros. Polo que respecta á altura máxima, logo de armada, entre trallas ou relingas, o tope será de 16 metros. Ademais, para cada unha das pezas de rede ou panos, a dimensión establecida é de entre 70 a 100 metros, mentres que a lonxitude máxima por buque e día non poderá exceder os 1.000 metros.
A reunión permitiu avaliar así o funcionamento das medidas implantadas e intercambiar información co sector sobre a evolución da campaña, incidindo na importancia de compatibilizar a actividade pesqueira coa conservación dos recursos mariños.
En total, en Galicia existen 412 embarcacións autorizadas para pescar con esta modalidade. A dispoñibilidade do recurso mellorou nos últimos anos, situándose o stock de sardiña ibérica en máis de 445.400 quilos.