Nova
A Xunta enxalza o valor da gastronomía galega nunha nova edición do evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, cualificou Galicia como “unha auténtica potencia gastronómica”, poñendo como exemplo as 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas recoñecidas na nosa comunidade
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o papel fundamental que xogan os produtos da nosas rías pola súa calidade e versatilidade neste tipo de encontros gastronómicos de altísimo nivel
Negreira (A Coruña), 8 de xuño de 2026
As conselleiras do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Marta Villaverde; asistiron hoxe á celebración dunha nova edición do evento gastronómico solidario Estrelas no Camiño de Santiago, no que se reúne a 40 chefs que suman preto de 70 estrelas Michelin para recadar fondos destinados a causas sociais. Neste sentido, desde a Xunta enxálzase o valor da gastronomía galega, recoñecida pola súa calidade dentro e fóra da nosa comunidade.
Durante a súa intervención, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, cualificou a Galicia como “unha auténtica potencia gastronómica”, poñendo como exemplo os 36 selos de calidade diferenciada recoñecidos entre denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas. Neste sentido, quixo poñer en valor o labor dos produtores que “manteñen vivo o territorio” e obteñen un excelentes produtos que representan perfectamente a Galicia Calidade.
A maiores, destacou o carácter solidario desta cita, coa que nesta ocasión se busca dar visibilidade á enfermidade de Dent, unha patoloxía xenética rara que afecta aos riles e pode derivar en insuficiencia renal crónica, e apoiar tanto a súa investigación como ás familias que conviven con ela día a día. Nesta edición de 2026, parte dos fondos recadados destínanse á asociación ArtForDent. Así mesmo, felicitou á familia Rial por impulsar esta iniciativa xunto co cociñeiro Juan Mari Arzak, ao cal se lle rende homenaxe este ano.
A titular de Medio Rural asegurou que Estrelas Solidarias no Camiño é un exemplo de como a gastronomía pode unir excelencia, territorio e compromiso social, situando Galicia como “referente e demostrando, unha vez máis, a forza do noso produto, da nosa xente e da nosa forma de facer”.
Excelencia dos produtos do mar
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor a excelencia dos peixes e mariscos de Galicia, verdadeiros protagonistas desta cita, constituíndo o fío condutor que permite aos chefs presentes elaborar creacións de excelencia. “Se queremos apostar por unha gastronomía de calidade, temos que seguir apostando pola nosa materia prima, que non só é un expoñente da marca Galicia Calidade, senón tamén garantía dunha dieta saudable e nutricionalmente óptima”, sinalou a titular de Mar.
Así mesmo, a responsable autonómica non quixo esquecer a faciana máis importante da xornada: o seu carácter benéfico. Villaverde agradeceu aos organizadores, a familia Rial, o seu esforzo por manter vivo este encontro que este ano destina os seus esforzos á asociación ArtForDent. Ao fío disto, lembrou que este evento comparte o espírito de acollida, solidariedade e hospitalidade propio do Camiño de Santiago, demostrando que a mellor alta cociña é aquela que, ademais de coidar o produto, tamén coida das persoas e das causas sociais máis necesarias.