Nova

Villaverde inaugura o proxecto educativo 'Movemento Azul' que conecta a mocidade galega co mar

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A iniciativa, impulsada pola Xunta, arrancou en Ames coa actividade Un Mar de Profesións, que neste mes chegará tamén a outros seis centros educativos de Galicia

A través desta proposta, un total de 700 escolares coñecerán os oficios vinculados á pesca, ao marisqueo, á investigación mariña e á navegación

Ames (A Coruña), 9 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este martes Movemento Azul, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta co fin de fomentar o coñecemento, a formación e a participación da mocidade galega no ámbito da actividade marítimo-pesqueira. Dirixida a persoas de entre 0 e 35 anos, nace como un marco de referencia para desenvolver distintas accións orientadas a fortalecer o vínculo das novas xeracións co mar e dar a coñecer as oportunidades de futuro que ofrece este sector que “é estratéxico para Galicia e a dinamización das zonas costeiras”, tal e como subliñou Villaverde.

O programa arrancou hoxe, no CEIP A Maía de Ames, coa acción Un Mar de Profesións, unha iniciativa piloto que se desenvolverá este mes noutros seis centros educativos da comunidade, e que permitirá que máis de 700 alumnas e alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria descubran, dunha maneira práctica e participativa, distintas profesións vinculadas co mar.

A proposta desenvólvese nun espazo formativo específico organizado en tres estacións temáticas que achegan ao alumnado diferentes ámbitos da actividade marítima. Na primeira, centrada na pesca e no marisqueo, os participantes coñecen a importancia de respectar as tallas mínimas e descobren artes tradicionais compatibles coa conservación dos recursos mariños. Na segunda convértense en observadores científicos, identificando especies autóctonas do litoral galego mediante técnicas de observación e análise inspiradas na ciencia. A terceira estación está dedicada á navegación e permite aos escolares familiarizarse coa interpretación de cartas náuticas e co uso de instrumentos básicos para o trazado de rutas pesqueiras adaptadas á súa idade.

O espazo de aprendizaxe está construído con materiais sostibles, elaborado a partir de taboleiros fabricados con casca de arroz e de mexillón. Ao remate, o alumnado recibe un Pasaporte de profesións do mar, ademais doutro material divulgativo co que seguir explorando os contidos abordados durante a xornada.

Economía azul e remuda xeracional

Movemento Azul nace coa vocación de impulsar unha mocidade comprometida coa economía azul e coa protección do medio mariño, ao tempo que promove novas vocacións profesionais, científicas e emprendedoras vinculadas ao sector, contribuíndo, en paralelo, á promoción dunha imaxe innovadora, moderna e atractiva das actividades marítimo-pesqueiras.

Logo da súa posta en marcha hoxe en Ames, Un Mar de Profesións continuará a súa singradura por outros seis puntos da comunidade galega.

Imaxes relacionadas