Nova

Galicia resalta ante o Comité de Seguimento do Fempa o cumprimento dos niveis de execución cunha certificación de preto de 65 M€ en 2025

1 de 2
2 de 2

A comunidade sitúase á cabeza do Estado ao cumprir coa regra N+3 e mobilizar un investimento total de 236 M€ en case 2.200 proxectos desde 2021

A delegación galega defendeu o éxito do proxecto 'Lonxas Galegas 4.0', que conta cun investimento de ao redor de 5 M€ para dixitalizar as poxas antes de 2028

A Xunta amosa así o liderado na xestión fronte á proposta de Bruxelas de diluír o FEMPA nun macrofondo que ameaza cun recorte do 67% nas axudas á frota

Alacante, 9 de xuño do 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participaron hoxe na Casa Mediterráneo de Alacante na IV sesión do Comité de Seguimento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Alí, Barreiro expuxo o excelente ritmo de xestión do Executivo galego, que pechou o exercicio cun nivel de certificación do 105 % respecto do obxectivo anual. Con este gasto, que ascende a preto de 65 millóns de euros, Galicia cumpre con éxito os prazos da denominada regra N+3, garantindo a permanencia dos recursos na autonomía e evitando calquera risco de perda de axudas.

Galicia reafírmase como a comunidade autónoma máis beneficiada polo Fempa en España, cunha asignación global de máis de 366 millóns de euros (o 32,7 % do total do Estado). Este gran volume de recursos engade unha notable complexidade técnica e administrativa á execución diaria da carteira. Con todo, a Xunta xa mantén comprometidos case a metade de todos os fondos asignados para o período completo (o 49 %), unha cifra récord que sitúa á comunidade por riba da media nacional. Ata agora, mobilizáronse 236 millóns de euros de gasto público desde 2021 para financiar 2.171 proxectos de modernización e sustentabilidade do litoral.

Neste mesmo foro, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, presentou os avances evolutivos do programa pioneiro 'Lonxas Galegas 4.0'. Esta iniciativa conta cun investimento de ao redor dos 5 millóns de euros para lograr que o 100 % das rulas galegas operen coa tecnoloxía máis avanzada de Europa. O proxecto, do que xa se benefician 53 lonxas e 68 confrarías, enmárcase na dixitalización do sector ao que se destinan máis de 10 millóns de euros e permite automatizar as tarefas diarias desde a pesada ata a facturación, blinda a trazabilidade total do produto e abre novas opcións de negocio con poxas telemáticas en tempo real.

Marco Financeiro Plurianual xusto

Aínda cos bos datos de execución, o Goberno galego quixo aproveitar o encontro para reiterar a súa frontal oposición á proposta da Comisión Europea de diluír o Fempa dentro duns macrofondos xerais. Esta postura procura frear un posible recorte do 67 % —uns 2.000 millóns de euros para toda Europa— anunciado por Bruxelas, que restaría independencia económica e visibilidade territorial ao sector primario do mar.

O ditame de rexeitamento galego, aprobado por unanimidade no Consello Galego de Pesca, e que a propia conselleira do Mar, Marta Villaverde, lle entregou en man en Bruxelas ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis para esixir que as rexións pesqueiras sigan sendo as destinatarias directas dos fondos.

Imaxes relacionadas