Nova

A Xunta consolida a súa aposta pola formación marítimo-pesqueira cun investimento récord de 4,3 M€ no 2026

1 de 2
2 de 2

Mar incrementa este ano un 27,77 % o orzamento para reforzar a cualificación profesional, garantir a remuda xeracional e responder ás demandas do sector

Desde o ano 2000 máis  de 13.000 persoas se formaron nos centros autonómicos e a través das liñas de apoio impulsadas polo Goberno galego 

O Plan de Cultura Marítima permitiu documentar arredor de 1.500 bens patrimoniais e todo o litoral de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de xuño do 2026

A Xunta consolida a súa aposta estratéxica pola formación como unha das principais ferramentas para garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego. Así o destacou hoxe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na Comisión 8ª do Parlamento, onde fixo balance das actuacións impulsadas pola Consellería do Mar para fortalecer a capacitación profesional, favorecer a incorporación de novos traballadores ao mar e mellorar a competitividade da cadea mar-industria.

Neste contexto, anunciou que os orzamentos de 2026 destinan máis de 4,3 millóns de euros á formación náutico-pesqueira, o maior esforzo inversor dos últimos exercicios, o que supón un incremento do 27,77% respecto do exercicio anterior. Esta aposta, segundo remarcou V. Suárez, “permite seguir fortalecendo a colaboración coas confrarías, organizacións de produtores, cooperativas e asociacións profesionais para adaptar a oferta formativa ás necesidades reais do sector”.

Esta coordinación permitiu actuar con rapidez ante situacións extraordinarias, como a elevada demanda rexistrada a finais do 2025 para a renovación da Formación Sanitaria Inicial. Ante a falta temporal de oferta doutras Administracións, a Xunta activou todos os recursos dispoñibles para garantir que ningún profesional quedase sen embarcar por carecer desta certificación obrigatoria. A resposta articulouse a través das escolas náutico-pesqueiras autonómicas, das accións formativas promovidas polas confrarías e doutras iniciativas específicas impulsadas directamente pola Consellería do Mar.

Unha rede pública de referencia

Galicia conta cunha das redes públicas de formación marítimo-pesqueira máis completas de Europa, integrada polo Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (Ipmpa), as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). No curso actual estes centros suman 474 alumnos matriculados nos ciclos formativos relacionados coa pesca e o mar. Desde o ano 2.000 rexistraron máis de 11.300 matrículas e, só nos últimos cinco anos, tituláronse centos de patróns e mecánicos navais que hoxe desenvolven a súa actividade profesional na frota galega. Ademais, durante o 2025 impartiron formación non regrada a 787 persoas en especialidades directamente vinculadas ás necesidades actuais do sector.

Formación directamente ás confrarías e organizacións profesionais

A Xunta complementa a formación impartida nos seus centros coa convocatoria anual de axudas para actividades formativas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). A convocatoria do 2026 conta cunha dotación de 800.000 euros. No 2025, esta liña permitiu formar a 1.195 persoas mediante máis de 90 cursos.

A remuda xeracional, unha prioridade

A incorporación de novos profesionais ao sector constitúe unha prioridade para a Consellería do Mar. Neste marco, no 2025 púxose en marcha a primeira convocatoria de axudas para facilitar os “días de mar”, cun orzamento de 350.000 euros que permitiu apoiar a 35 armadores e facilitar a formación práctica de 37 estudantes a bordo de buques pesqueiros. A esta medida súmanse as novas bolsas de formación para titulados en acuicultura e para persoal auxiliar de investigación mariña, cun investimento global superior aos 250.000 euros.

Paralelamente, a Xunta traballa nunha nova orde reguladora das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/oa local de pesca e patrón/oa costeiro polivalente. O obxectivo é eliminar barreiras de acceso, facilitar a incorporación de novos profesionais e adaptar a formación á realidade actual do sector.

Plan de Cultura Marítima

Noutra orde de asuntos, Ángeles V. Suárez tamén destacou o carácter pioneiro do Plan de Cultura Marítima de Galicia (Pcuma) e do primeiro Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble, elaborado en colaboración coa Universidade da Coruña. A este respecto, puxo en valor que esta iniciativa non duplica o Catálogo de bens de valor cultural na costa previsto na Lei do Litoral, senón que constitúe unha extraordinaria ferramenta de investigación, documentación e divulgación do patrimonio marítimo. Desde o 2021 investíronse máis de 507.000 euros no desenvolvemento do Pcuma, que facilitou a documentación de arredor de 1.500 bens patrimoniais, dos que 919 son inéditos, abrangendo os 86 concellos costeiros e as Illas Atlánticas.

Hatchery Illa de Arousa

Polo que respecta, a este criadeiro, a directora xeral  apuntou que se trata dunha infraestrutura pioneira e cuxa situación responde á caducidade da concesión estatal de dominio público marítimo-terrestre, que expirou no 2014 e non foi renovada posteriormente polo Estado. Asemade, confirmou  que a Xunta mantén o seu compromiso coa autosuficiencia en semente a través do Cima, o Igafa, a rede científica Redemar e o novo criadeiro de O Vicedo, posto en marcha recentemente.

Imaxes relacionadas