Nova

A Xunta estreita lazos na Comisión do Arco Atlántico para impulsar a economía azul integrada no marco do acordo CETA con Canadá

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe por videoconferencia na Asemblea Xeral deste foro que une territorios de seis Estados

As exportacións galegas a Canadá medraron un 34,8 % en 2025 ata rozar os 124 M€, lideradas polos sectores téxtil e pesqueiro

Galicia aposta por transferir a súa experiencia en acuicultura sostible e observación mariña para xerar novas oportunidades comerciais e alianzas en I+D+i

Santiago de Compostela, 9 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe, por videoconferencia, na Asemblea Xeral da Comisión do Arco Atlántico. No encontro, centrado no espazo comercial da economía azul que abre o tratado bilateral CETA entre a Unión Europea e Canadá, a responsable autonómica defendeu o papel estratéxico das infraestruturas e o tecido empresarial galego como nodo loxístico preferente nas rutas transatlánticas.

Villaverde salientou o impacto positivo deste marco de libre comercio que, desde a súa aplicación provisional en 2017, eliminou a maioría das barreiras aduaneiras e arancelarias. En Galicia, máis de 250 empresas exportan hoxe con regularidade a este mercado de alto poder adquisitivo. O ano 2025 pechou cun crecemento interanual das vendas do 34,8 %, sumando un valor global de 123,8 millóns de euros. O sector do mar foi un dos grandes motores deste pulo ao bater o seu récord histórico cun retorno de 16,38 millóns de euros, liderado pola exportación de peixe conxelado e conservas de alto valor engadido.

O eixe central do relatorio enfocouse nas oportunidades de colaboración tecnolóxica e científica. Neste senso, destacan as posibilidades de conectar as capacidades galegas coas canadenses en materia de acuicultura multitrófica integrada (IMTA), un sistema que emprega as macroalgas como biofiltros naturais e sumidoiros de carbono. Esta liña de traballo está integrada no Programa de Ciencias Marinas de Galicia, que suma a experiencia de centros como o Intecmar, o CIMA e o CETMAR en estreita cooperación co sector.

Desafíos e internacionalización de pemes

Malia o bo comportamento da balanza comercial, a conselleira debullou os retos regulatorios que aínda afronta o empresariado, referidos principalmente ás barreiras non arancelarias e á necesaria adaptación ás normas tributarias, laborais e de seguridade alimentaria canadenses. Para corrixir estes obstáculos, Villaverde avogou por conectar de xeito directo os ecosistemas innovadores de ambas as dúas rexións.

Para avanzar nesta estratexia, a Xunta propón exprimir ao máximo a participación de Canadá en programas europeos de financiamento empresarial de proxectos de I+D+i como Eureka, Eurostars ou Horizonte Europa. Esta folla de ruta, aliñada coa Estratexia de Economía Azul de Galicia, busca consolidar a sustentabilidade ambiental, a descarbonización marítima e o bunkering verde nos portos galegos, garantindo ao mesmo tempo a soberanía alimentaria, a rendibilidade e o relevo xeracional das comunidades mariñeiras.

Imaxes relacionadas