Nova
Villaverde apoia ao sector miticultor na busca de alternativas para garantir o subministro estable de mexilla
A conselleira do Mar visitou o proxecto experimental de captación de mexilla que Opmega ten no municipio coruñés
Muros (A Coruña), 10 de xuño do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este mércores as long-lines (cordas de captación de mexilla) que a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) ten no municipio coruñés de Muros e expresou o seu apio ao sector miticultor na busca de alternativas para garantir o subministro estable de semente.
As long-lines son unha das fórmulas que se están levando a cabo de xeito experimental nas rías galegas para garantir ese subministro do bivalvo e posibilitar que as campañas non dependan de xeito exclusivo da presenza de cría de mexillón nas rochas ou das cordas colectoras das bateas.
Villaverde supervisou, xunto co presidente de Opmega, Ricardo Herbón, e outros representantes da organización, como é a operativa dos traballos que se realizan nas long-lines, como é o proceso de izado de cordas e o transporte, ademais de comprobar a calidade e abundancia de mexilla que se produce nelas.
Na visita, a titular de Mar destacou a importancia estratéxica da miticultura para a comunidade, definíndoa como “unha das actividades fundamentais da economía azul galega”, tanto pola súa capacidade para xerar emprego, como polo seu papel esencial na cohesión social e económica das vilas costeiras.
Neste sentido, lembrou que Galicia continúa consolidándose como unha das principais potencias acuícolas de Europa. Segundo os últimos datos dispoñibles, durante o ano 2025 a produción da acuicultura mariña galega acadou as 189.251 toneladas, das que 177.638 corresponderon ao mexillón. Os moluscos bivalvos representaron o 94,6 % da produción total, xerando un valor económico superior aos 136 millóns de euros.
A conselleira salientou o esforzo realizado polos profesionais do mar para manter a competitividade e a sustentabilidade dunha actividade que constitúe unha referencia internacional pola súa calidade, trazabilidade e respecto polo medio mariño. Nesa liña, reafirmou o compromiso da Xunta co sector para afrontar os retos presentes e futuros, especialmente os relacionados coa dispoñibilidade de semente, os posibles efectos do cambio climático e a mellora da planificación dos espazos marítimos.
A visita prodúcese logo de que a Comisión do Mexillón acordase o pasado 28 de maio ampliar un mes máis o prazo de extracción de semente deste bivalvo, co obxectivo de facilitar o abastecemento do sector e garantir a continuidade da actividade produtiva.