Nova

Galicia prevé mobilizar máis de 55 M€ do FEMPA neste 2026 para blindar o liderado e competitividade do conxunto da cadea mar-industria

1 de 2
2 de 2

A secretaria xeral técnica de Mar, Marta Barreiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantiveron unha reunión bilateral coa Comisión Europea en Alacante

Avanzaron a folla de ruta para este ano nas dúas direccións xerais, que inclúe 26,4 M€ para as OPP, frota e pemes do sector, 10 M€ para infraestruturas portuarias e 10,3 M€ para os GALP

Galicia consolídase como a autonomía que máis fondos xestiona de España, superando no 2025 o obxectivo anual cun 105 % de certificación e o 49 % do período xa comprometido

Alacante, 10 de xuño do 2026

A Consellería do Mar mantivo hoxe unha reunión bilateral con responsables da Comisión Europea no marco da IV sesión do Comité de Seguimento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) celebrada en Alacante. O encontro, no que participaron a secretaria xeral Técnica, Marta Barreiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, tivo como obxectivo avaliar a execución e fixar a estratexia económica do exercicio en curso, no que a Xunta mobilizará un total de 55,5 millóns de euros en axudas para o complexo mar-industria.

A delegación autonómica presentou un balance de execución de récord que referenda a ampla experiencia de Galicia na complexa tramitación destes recursos comunitarios. Tras pechar o último exercicio cun nivel de certificación do 105 % respecto do obxectivo anual fixado por Bruxelas e preto de 65 millóns de euros de gasto certificado, a comunidade cumpre con éxito os prazos da regra n+3.

Durante a reunión bilateral, a secretaria xeral Técnica debullou a planificación para este ano, que conta cun forte compoñente de modernización. Estas convocatorias mobilizarán un total de 26,4 millóns de euros destinados a potenciar a planificación comercial, a sustentabilidade das capturas e tamén proxectos pioneiros de dixitalización e eficiencia enerxética na frota galega.

Neste senso, destacou que xa foron convocadas as primeiras ordes de axuda correspondentes a este eido, entre as que destacan as dirixidas á modernización dos buques ou as destinadas ás pequenas e medianas empresas (pemes). Barreiro avanzou que nas vindeiras semanas se publicarán novas liñas de subvencións.

Impulso á pesca artesanal e desenvolvemento local

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, deu conta das ordes deseñadas para blindar a franxa costeira e as economías do litoral, poñendo á disposición do sector un total de máis de 27 millóns de euros. Neste bloque, Suárez subliñou a posta en marcha dos apoios ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) a través dos GALP, dotadas inicialmente con 6,9 millóns de euros, e se está a tramitar unha ampliación del crédito de máis de 3,4 millóns de euros para afondar na  dinamización do emprego e fixar poboación nas vilas mariñeiras.

Esta folla de ruta inclúe tamén máis de 5 millóns de euros dirixidos de forma exclusiva a proxectos colectivos que contribúan a protexer e reforzar os recursos biolóxicos da pesca costera artesanal. O investimento complétase cunha importante partida de 10 millóns de euros para a modernización, mellora das condicións de traballo e das infraestruturas e equipamentos portuarios.

Imaxes relacionadas