Nova

Villaverde asina coa confraría de Moaña o convenio para a recuperación dos bancos marisqueiros afectados polas borrascas

1 de 2
2 de 2

A actuación mobiliza máis de 133.000 € e permitirá a restauración dunha superficie produtiva que supera os 640.000 m2

Este acordo súmase aos xa subscritos pola conselleira cos pósitos de Noia, Vilaxoán, Muros e Vilanova de Arousa

Moaña (Pontevedra), 11 de xuño do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe o convenio de colaboración coa confraría de Moaña para impulsar a rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polas borrascas de comezos de ano, e que se enmarca no Plan extraordinario impulsado pola Xunta, dotado con preto de 23 millóns de euros, para facer fronte aos graves danos sufridos polas poboacións de moluscos bivalvos como consecuencia dos episodios meteorolóxicos adversos.

O acordo está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Conta cun orzamento total de 133.679 euros e permitirá desenvolver un amplo programa de traballos de rexeneración e acondicionamento en 642.612 metros cadrados repartidos entre os areais da Xunqueira, Meira e Domaio, así como, de forma complementaria, na zona do Con. De feito, máis do 93 % dos fondos destinaranse directamente ás compensacións económicas das profesionais participantes nos traballos de recuperación, garantindo así o mantemento da actividade e da protección social do colectivo durante a execución das actuacións.

Entre as accións previstas inclúense o acondicionamento manual e mecánico do terreo mediante o uso de motocultor, a retirada de algas de arribazón e lixo mariño en coordinación cos servizos municipais, así como o control biolóxico de depredadores e especies exóticas invasoras a través das mostraxes periódicas realizadas pola entidade.

O plan presentado pola confraría contempla tamén a realización de traslados internos de ameixa xaponesa, ameixa fina, ameixa babosa e berberecho para favorecer a recuperación da biomasa e acelerar as taxas de crecemento dos recursos. Tamén se desenvolverá un programa de sementeiras de especies autóctonas, adaptado á dispoñibilidade de semente e ás necesidades detectadas ao longo da execución do proxecto.

A conselleira destacou a importancia destes convenios para reforzar a resiliencia do sector marisqueiro fronte aos efectos das intensas choivas, que provocaron unha baixada importante de salinidade e, en consecuencia, a mortaldade do recurso. Co de hoxe, xa son cinco os acordos asinados. O de Moaña súmase aos rubricados cos pósitos de Noia, Vilaxoán, Muros e Vilanova de Arousa.

Imaxes relacionadas