Nova
A Xunta investe máis de 1,3 M€ coa confraría de Barallobre para a rexeneración de 468.000 metros cadrados de bancos marisqueiros
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior de Barallobre, Jorge López Pena, asinaron hoxe este convenio de colaboración para a recuperación das zonas produtivas
O plan recolle a introdución de 7 millóns de unidades de ameixa babosa distribuídas entre Maniños e Barallobre e sementeiras graduadas de ameixa fina en áreas acoutadas de 2.000 m2
O acordo forma parte do escudo extraordinario de 22,7 M€ activado polo Goberno galego para paliar a mortaldade de bivalvos provocada polas intensas choivas de principios de ano
Fene (A Coruña), 12 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu esta tarde na Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre, en Fene, a sinatura do convenio de colaboración para a restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira na ría de Ferrol. O acordo, subscrito xunto ao patrón maior do pósito, Jorge López Pena, recolle un investimento total de 1.330.185,76 euros ata o 2027.
Esta axuda extraordinaria, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) ten como obxectivo directo é apoiar o sector fronte a mortaldade de bivalvos sufrida a comezos de ano, cando un episodio excepcional de borrascas provocou descensos críticos de salinidade nos areais. Nesta liña, Marta Villaverde salientou que con esta nova firma, a Consellería do Mar suma xa sete convenios formalizados coas confrarías galegas baixo o fondo de continxencia de 22,7 millóns de euros validado polo Consello da Xunta.
O plan técnico integrado no convenio abarca unha superficie de 468.000 m2, estendéndose dende Punta do Seixo ata Punta Pena do Ramo, e na zona intermareal dende San Valentín ata a Ribeira do Coto. As tarefas de recuperación do medio serán realizadas por 22 persoas mariscadoras a pé do pósito de Barallobre, que completarán un cronograma de 144 xornadas de traballo polas que serán compensadas con ata 700 euros ao mes.
As labores principais centraranse no acondicionamento e oxigenación do substrato compactado. Para as zonas accesibles empregarase un tractor con grade remolcada e arado, mentres que os espazos con cobertura de auga traballaranse mediante embarcación. O sector de a pé apoiará estas tarefas de xeito manual con sachos e rastrillos nos areais intermareais. Así mesmo, proxéctase a achega controlada de áridos en 82.975 metros cadrados das zonas de libre marisqueo de Neda e San Valentín para optimizar as condicións ecolóxicas do leito mariño.
Sementeiras e control biolóxico
A folla de ruta biolóxica inclúe o traslado de exemplares de talla non comercial dende as zonas de libre marisqueo ata os sectores de autorización en vehículos isotermos. Posteriormente, tras un protocolo de arado previo do terreo, as mariscadoras executaran sementeiras manuais e homoxéneas. O plan recolle a introdución de 7 millóns de unidades de ameixa babosa distribuídas entre Maniños e Barallobre, sementeiras graduadas de ameixa fina adulta en áreas acoutadas de 2.000 m2 para favorecer o recrutamento natural, e achegas de ostra plana e zamburiña.
Finalmente, o convenio inclúe accións de control de depredadores —retirando cangrexos, estrelas de mar e gasterópodos— e a extracción manual da especie exótica Magallana gigas (ostra xaponesa) na praia de Maniños, cuxas valvas serán trituradas para reutilizarse na rexeneración do substrato. A estratexia complétase coa instalación experimental de estruturas de pedras graníticas no intermareal inferior para fixar especies infaunais, o reforzo dos servizos de vixilancia en quendas de catro persoas e a compra de 10 dispositivos tecnolóxicos CT para monitorizar datos continuos de salinidade e temperatura a longo prazo.