Nova
Máis de 90 alumnos do CEIP O Couto de Ourense participan no programa ‘Movemento Azul’ da Xunta
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañou aos escolares na xornada Un Mar de Profesións, incluída no proxecto e que achega a mocidade ao sector marítimo-pesqueiro
Ourense, 16 de xuño do 2026
Un total de 91 alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP O Couto de Ourense participaron este martes na iniciativa Un Mar de Profesións, enmarcada no programa Movemento Azul que impulsa a Xunta para achegar a mocidade ao sector marítimo-pesqueiro e dar a coñecer as oportunidades de futuro que ofrece este ámbito estratéxico para a comunidade.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañou aos escolares durante o desenvolvemento desta actividade educativa, que permite aos participantes descubrir dunha maneira práctica e didáctica as distintas profesións vinculadas á pesca, ao marisqueo, á investigación científica mariña e á navegación.
A titular de Mar destacou a importancia desta acción para fomentar entre os máis novos o coñecemento do mar e das actividades que del dependen, así como para espertar o seu interese pola economía azul e pola protección do medio mariño.
A través de cinco obradoiros e actividades participativas, os estudantes puideron achegarse ao mundo marítimo, coñecer os seus oficios e comprender a relevancia que ten para o desenvolvemento económico e social de Galicia. Ao remate da xornada, recibiron o Pasaporte de profesións do mar, o documento simbólico que acredita a súa participación nesta experiencia educativa.
Finalmente, Villaverde amosouse “impresionada ao ver como senten o mar e canto saben del no CEIP O Couto” e felicitou á comunidade educativa do centro polo labor que fan durante todo o ano para dar a coñecer a cultura do mar nas aulas.