Nova
Mar e a confraría do Porto do Son avalían os últimos investimentos realizados no pósito co apoio da Xunta
O esforzo inversor nos últimos anos supera os 1,5 M€ e permitiu a modernización das infraestruturas e mellorar os servizos da actividade pesqueira e marisqueira
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse cos representantes do ente
O Porto do Son (A Coruña), 16 de xuño de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe a confraría do Porto do Son, onde avaliou as actuacións realizadas nas instalacións portuarias nos últimos cinco anos co apoio da Xunta. Estes investimentos superan os 1,5 millóns de euros, e enmárcanse nas axudas postas a disposición deste sector a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
No encontro, V. Suárez puxo en valor o esforzo inversor da Consellería que dirixe Marta Villaverde, que permitiu a modernización das infraestruturas e a mellora dos servizos que se prestan no pósito, así como dotar ao sector de equipamentos máis eficientes e seguros.
Entre os investimentos executados figuran obras de canalización e tendido da derivación eléctrica, xunto coa incorporación de distintos contedores isotermos, a mellora da iluminación mediante tecnoloxía LED e a renovación dos sistemas de carga e descarga tanto da pesca artesanal como da frota do cerco. Completan as actuacións a adquisición de equipamento auxiliar como hidrolimpadoras e grúas, destinadas a optimizar as tarefas diarias de manipulación e limpeza nas instalacións portuarias, a instalación de equipos frigoríficos e de clasificación e exposición ou as obras de mellora para evitar as filtracións.
A directora xeral subliñou que estes investimentos contribúen a reforzar a competitividade do sector pesqueiro local e a mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento e modernización das infraestruturas pesqueiras. Durante o encontro tamén se abordaron as necesidades actuais da confraría e os retos de futuro do sector.