Nova
Villaverde reclama unha reforma profunda da PPC que garanta a competitividade e a viabilidade do sector
Lembra que é a propia Comisión Europa a que confirma na última avaliación “problemas estruturais” que afectan especialmente a Galicia
Defende que a sustentabilidade ambiental só será viable se se apoia na rendibilidade económica e na cohesión social
Vigo, 16 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reclamou na Conferencia Sectorial de Pesca e no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios unha revisión profunda da Política Pesqueira Común (PPC) de forma que a sustentabilidade ambiental vaia da man da viabilidade económica e social do sector.
Segundo defendeu, “só así poderá garantirse o mantemento da actividade, que debe ir acompañada cunha definición axustada dos TAC e das cotas e de medidas que faciliten a renovación da frota e o relevo xeracional”.
A responsable autonómica fixo esta valoración apoiándose na propia avaliación da Comisión Europea do mes de abril sobre o Regulamento (UE) nº 1380/2013 da PPC, e que confirma moitas das dificultades que Galicia leva anos trasladando ás institucións comunitarias. "O ditame evidencia avances na gobernanza e na xestión dos recursos, pero tamén que persisten problemas estruturais que comprometen a competitividade e o futuro do sector. A sustentabilidade ambiental é irrenunciable, pero só será posible se se sustenta en bases económicas e sociais sólidas", subliñou Villaverde.
Neste escenario, a titular de Mar tamén insistiu en que as medidas de conservación deben ponderarse pola súa eficacia real, en aras de evitar a diminución da capacidade da frota, da actividade e do valor dos descartes. Neste senso, e con respecto á obriga de desembarque, Villaverde considera necesario revisar o seu deseño para adaptalo mellor á realidade operativa das distintas pesqueiras.
Cogobernanza europea
Por elo, a dirixente autonómica reclamou un maior protagonismo das rexións marítimas na cogobernanza europea. "Os territorios que vivimos do mar debemos participar de maneira máis activa na toma de decisións. Galicia ten experiencia, coñecemento e unha dependencia directa da actividade pesqueira que debe ser tida en conta", sostivo.
Así mesmo, apostou por impulsar a acuicultura mediante a redución das barreiras administrativas e por reforzar os controis ás importacións para garantir que os produtos procedentes de terceiros países cumpran os mesmos estándares ambientais e sanitarios esixidos á frota comunitaria.