Nova

Villaverde asina coa confraría de Miño o convenio para recuperar máis de 691.000 m2 de superficie de bancos marisqueiros

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O plan presentado polo pósito, que será financiado pola Xunta con máis de 276.000 €, contempla tamén a sementeira de 1 millón de unidades de ameixa fina en Bañobre

Este acordo súmase aos xa subscritos pola conselleira cos pósitos de Noia, Muros, Barallobre, Vilaxoán, Moaña e Vilanova de Arousa

Miño (A Coruña), 18 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a confraría de pescadores de Miño asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá destinar 276.087 euros á recuperación dos bancos marisqueiros do municipio afectados polos temporais e conseguintes episodios excepcionais de baixa salinidade rexistrados a comezos deste ano.

O acordo, que foi autorizado este luns polo Consello da Xunta, e está cofinanciado a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Con esta sinatura, a Consellería do Mar continúa avanzando na posta en marcha das medidas extraordinarias previstas para restaurar a capacidade produtiva das zonas marisqueiras máis afectadas polos fenómenos meteorolóxicos adversos.

Así o indicou Villaverde ao afirmar que “a rexeneración das zonas afectadas é unha prioridade para a Administración autonómica porque detrás delas hai actividade económica, emprego e o futuro de moitas familias que viven do mar”.

Os detalles do plan

As actuacións previstas no convenio executaranse prioritariamente nos bancos situados entre o final da Praia Grande de Miño e Punta Allo e entre a Canle de Hervás e Punta Curbeiros, nun ámbito total de 691.087 metros cadrados de superficie.

Deste xeito, o proxecto presentado pola confraría contempla o acondicionamento do substrato produtivo mediante labores de preparación do terreo con medios manuais e mecánicos para mellorar as condicións do hábitat das especies marisqueiras. Tamén inclúe accións de control do cangrexo verde (Carcinus maenas) no banco de Bañobre e traballos de retirada da ostra xaponesa (Magallana gigas), especie exótica invasora que compite cos recursos autóctonos. Ademais, realizaranse tarefas de rareo e traslado de ameixa fina, ameixa xaponesa e berberecho entre distintos bancos marisqueiros co obxectivo de optimizar o seu crecemento, supervivencia e rendemento produtivo.

Entre as medidas previstas figura tamén o preengorde de semente en instalacións específicas situadas nos bancos de Bañobre e Porto de Miño e a posterior sementeira, no primeiro, dun millón de exemplares de ameixa fina procedentes do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

A programación implica a 18 persoas mariscadoras da confraría, que poderán percibir ata 700 euros mensuais, garantindo unha alternativa económica durante o período de recuperación da actividade produtiva.

O convenio forma parte do plan extraordinario impulsado pola Xunta para a recuperación dos bancos marisqueiros galegos, dotado con preto de 23 millóns de euros. Súmase aos xa asinados ou autorizados con outras oito confrarías, das que cinco sitúanse na provincia de Coruña (Noia, Muros, Cabo de Cruz, Barallobre e Anllóns) e as tres restantes, na de Pontevedra (Vilanova, Moaña e Carril).

Imaxes relacionadas