Nova

A Xunta impulsa a creación da rede de voluntariado 'Sealabhaus' para implicar á cidadanía na protección do litoral atlántico

1 de 2
2 de 2

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, inaugurou o III Seminario Rexional de Galicia deste proxecto europeo liderado pola Universidade da Coruña

O encontro marca un paso adiante cara á participación activa de profesionais, científicos e artistas tras consolidar o deseño do Laboratorio Atlántico do Mar (SEALab)

Esta iniciativa transnacional conta cun orzamento de 3,7 millóns de euros no marco do Programa Interreg Espazo Atlántico para revitalizar o ecosistema mariño

Santiago de Compostela, 18 de xuño do 2026.

Galicia deu un paso estratéxico na conservación e dinamización das súas comunidades costeiras coa celebración do III Seminario Rexional de Galicia do proxecto europeo SEALabHaus. A xornada, que reuniu a diversos axentes do sector marítimo, cultural e científico, contou coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, quen destacou a madurez do proxecto e o avance definitivo cara a unha maior implicación social e participación cidadá a través da posta en marcha da Rede de Voluntariado SEALabHaus.

Durante a súa intervención, a directora xeral trasladou o recoñecemento da Xunta de Galicia ao liderado da Universidade da Coruña (UDC) e, en especial, ao seu investigador principal, o doutor arquitecto Óscar Fuertes Dapico. Suárez subliñou a importancia desta rede internacional de cooperación na que, xunto á UDC, participan socios de referencia de cinco rexións europeas, como a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto, a Metrópole de Brest e o Laboratorio de Economía e Xestión Occidental en Bretaña, a Escola Europea Superior de Arte da Bretaña, a Asociación de Desenvolvemento Local da Bairrada e Mondego, a Universidade Tecnolóxica do Sureste de Irlanda, o Colexio Universitario de Dublín, WIN Consultores e MedAtlantia. 

SEALabHaus configúrase como o Novo Laboratorio Atlántico para a Arquitectura, o Patrimonio, a Cultura e o Turismo do Mar, inspirado nos eixes de beleza, sustentabilidade e inclusión que promove a Nova Bauhaus Europea (NBE). A Xunta de Galicia participa de forma activa como entidade socia a través da Consellería do Mar, liderando a creación e o desenvolvemento do Laboratorio Atlántico do Mar (SEALab). Trátase do primeiro laboratorio dixital de innovación costeira que funciona como unha plataforma web intelixente, desenvolvida en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para compilar boas prácticas, recursos tecnolóxicos e proxectos sostibles orientados á ación local. 

Este proxecto foi un dos 27 seleccionados dentro da primeira convocatoria do Programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027. Conta cun orzamento global de 3,7 millóns de euros, dos cales 2,6 millóns de euros están cofinanciados a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), aliñándose estritamente cos obxectivos de crecemento sostible da Estratexia de Economía Azul de Galicia e do Plan de Cultura Marítima de Galicia (PCUMA). 

Cidadanía comprometida co mar

Se nas dúas primeiras edicións anuais —como a celebrada en novembro de 2025 na rúa dos Irmandiños en Santiago— o Grupo de Acción Rexional focalizou os seus esforzos técnicos en deseñar o Plan Estratético da Cultura Marítima e o Turismo Azul mediante minuciosas análises DAFO e matrices CAME, este terceiro seminario supón un salto cualitativo. O obxectivo prioritario desta xornada foi a construción da Rede de Voluntariado SEALabHaus, concibida para activar directamente ás persoas no coidado e innovación do seu propio contorno costeiro dende as súas raíces.

Esta nova ferramenta aspira a consolidarse como un espazo de interese aberto, inclusivo e dinámico onde poidan confluír perfís multidisciplinares: dende profesionais do mar e investigadores ata artistas, emprendedores locais e cidadáns comprometidos co litoral. Con esta canle de participación activa, a Consellería do Mar reafirma o seu compromiso de dotar á comunidade atlántica dun tecido vivo e un legado que perdure no tempo, convertendo a cultura mariñeira nun motor de resiliencia, emprego e sustentabilidade para o futuro do litoral galego.

Imaxes relacionadas