Nova

Villaverde destaca o liderado internacional de Galicia na formación náutico-pesqueira

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Un grupo de docentes deste ramo de Mozambique estanse formando estes días na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol no marco do Programa de Reforzo das Capacidades Profesionais do Sector que ofrece formación homologada en seguridade marítima

Ferrol, 18 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o liderado internacional de Galicia na formación náutico-pesqueira, durante a visita que realizou hoxe á Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol, onde un grupo de profesores procedentes de Mozambique están recibiendo formación especializada no marco do Programa de Reforzo das Capacidades Profesionais do Sector Marítimo-Pesqueiro. A iniciativa é froito da Alianza Público-Privada para o Desenvolvemento conformada, entre outras institucións, pola Consellería do Mar, e que favorece a empregabilidade e a capacitación técnica dos profesionais do mar do país africano.

Durante a visita, a responsable autonómica destacou o valor desta colaboración internacional, que contribúe “ao desenvolvemento sostible do sector mozambicano a través da formación, a transferencia de coñecemento e a creación de oportunidades profesionais para a mocidade”.

Grazas a esta iniciativa, os participantes están a completar en Galicia un programa formativo que inclúe o curso IMO 6.09 de Formación para Instrutores, impartido na Universidade da Coruña, así como diferentes certificacións profesionais no centro ferrolán, entre elas a Formación Básica en Seguridade Marítima, o Curso Avanzado de Loita Contra Incendios e o curso de Embarcacións de Supervivencia e Botes de Rescate Non Rápidos, todas elas adaptadas aos estándares da Organización Marítima Internacional (OMI) e ao convenio STCW.

A primeira fase desta alianza desenvolveuse entre 2019 e 2021 e permitiu avanzar na adaptación da oferta formativa da Escola de Pesca de Matola ás necesidades do sector pesqueiro e aos estándares internacionais de calidade. Posteriormente, debido ás limitacións derivadas da Covid-19, algunhas actuacións previstas inicialmente non se puideron completar, polo que as entidades participantes acordaron renovar a súa colaboración mediante a sinatura, o pasado 9 de xuño de 2025, da segunda fase do Memorando de Entendemento que dá continuidade ao programa.

Esta nova etapa conta cun orzamento de 346.210 euros e ten como obxectivo consolidar os avances acadados, fortalecer as capacidades do Instituto de Ciências do Mar e Pescas de Mozambique, ampliar a oferta formativa e promover a certificación internacional dos profesionais do sector, que é un dos principais motores económicos do país africano, pois vincula a unhas 95.000 persoas e proporciona aproximadamente a metade da proteína animal consumida pola súa poboación.

Imaxes relacionadas