Nova
Galicia lidera unha proposta para adaptar a protección social das mariscadoras en caso de cesamento de actividade
A iniciativa garante unha cobertura máis axeitada ás singularidades da actividade fronte a episodios ambientais adversos como os rexistrados a comezos de ano
O documento incorpora medidas específicas para reducir os períodos de desprotección e reforzar a estabilidade laboral do colectivo
A proposta reflicte a implicación da Xunta na procura de solucións ao sector, aínda que a competencia nesta materia concreta correspóndelle directamente ao Goberno central
Ames (A Coruña), 18 de xuño de 2026
A Consellería do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, presentou hoxe ás Federacións Galega e Provinciais de Confrarías de Pescadores unha proposta para impulsar un sistema específico de protección social destinado ás mariscadoras a pé, co obxectivo de garantir unha cobertura máis axeitada ás singularidades desta actividade e ás circunstancias que condicionan o seu desenvolvemento. É o caso das derivadas de episodios meteorolóxicos adversos como os rexistrados a comezos de ano.
Villaverde explicou que, con esta iniciativa, “damos un paso á fronte, a pesares de que as competencias da Xunta en materia de marisqueo limítanse á xestión dos recursos mariños e da súa explotación produtiva, pero que xurde da nosa profunda preocupación pola situación das profesionais do sector, a consecuencia do impacto que xeraron na súa actividade os temporais do pasado inverno”.
Precisamente, a parada temporal a consecuencia das intensas choivas, coa correspondente baixada de salinidade, puxeron de manifesto as limitacións do actual sistema de protección social. Concretamente, o actual mecanismo de cesamento está deseñado para traballadores autónomos doutros traballos desenvolvidos en terra e non contempla adecuadamente a realidade do marisqueo, caracterizada por ciclos naturais e ambientais difíciles de prever.
Por este motivo e, co fin de cubrir esta eiva, o departamento autonómico encargou a elaboración da proposta técnica presentada hoxe a dous catedráticos especialistas en Dereito do Traballo e da Seguridade Social das Universidades de Santiago e da Coruña. O documento inclúe un sistema específico de protección para as mariscadoras ao abeiro das excepcións previstas na Lei 47/2015 para actividades marítimo-pesqueiras con características singulares. Así, entre as medidas máis destacadas, contempla melloras tanto na modalidade ordinaria como extraordinaria de protección por cesamento de actividade, así como a compatibilidade das prestacións coa realización doutras tarefas necesarias para o mantemento do marisqueo durante os períodos de paralización da extracción.
Ademais, o estudo incorpora unha folla de ruta concreta cos cambios normativos necesarios para a súa implantación, co propósito de facilitar a súa eventual adopción pola Administración competente, que corresponde ao Goberno central a través da Seguridade Social e do Instituto Social da Mariña (ISM).
A aplicación desta proposta, engadiu Villaverde, “permitiría ofrecer unha protección máis inmediata, continua e adaptada ás necesidades reais das mariscadoras, reducir os períodos de desprotección, reforzar a igualdade de xénero, contribuír á estabilidade socioeconómica das zonas costeiras galegas, favorecer a continuidade da actividade marisqueira, evitar o abandono profesional e impulsar a remuda xeracional nun sector estratéxico para o litoral galego”.
Porén, a conselleira expresou a súa confianza en que o novo modelo poida converterse nun avance significativo para o marisqueo galego e apelou á colaboración de todas as Administracións e entidades implicadas para facer realidade unha protección social máis xusta e eficaz para este colectivo.