Nova

Villaverde destaca o Cetmar como motor da innovación da cadea mar-industria galega

Vigo, 18 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada dos directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Isaac Rosón e Ángeles V. Suárez, respectivamente, participou esta tarde, no Tinglado do Porto de Vigo, nun dos principais actos cos que o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) conmemora o seu 25 aniversario. Alí puxo en valor a traxectoria do ente, situándoo como “referente na xeración de coñecemento, innovación e transferencia tecnolóxica ao servizo da cadea mar-industria galega”.

Villaverde destacou así o papel do Cetmar na modernización do sector marítimo-pesqueiro, na dixitalización, na sustentabilidade e na adaptación aos posibles efectos do cambio climático, así como o seu recoñecido prestixio científico e institucional. Finalmente, subliñou tamén a súa capacidade para conectar administracións, centros tecnolóxicos, universidade e tecido empresarial, consolidándose como un axente clave na economía azul e na proxección internacional de Galicia.