Nova

A Xunta e Amicos avalían en Aguiño as accións de recuperación dos fondos mariños e presentan un novo caderno didáctico para escolares

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na nova reunión do Comité Social do proxecto europeo 'Arousa-Lab'

O encontro serviu para dar a coñecer unha ferramenta educativa para colexios e realizar unha saída ao mar para supervisar o estado de conservación das laminarias

E A iniciativa, dotada con 70.000 euros a través dun convenio coa asociación Amicos, enmárcase no programa transnacional europeo 'A-AAGORA'

Ribeira (A Coruña), 19 de xuño do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou esta mañá na xuntanza do Comité Social do proxecto 'Arousa-Lab', que tivo lugar no local da Confraría de Pescadores de Carreira - Aguiño. O encontro tivo como obxectivo seguir avanzando na definición de accións comunitarias dirixidas a poñer en valor o traballo da xente do mar da ría e a sensibilizar á sociedade sobre a importancia de preservar un ecosistema único como o da ría de Arousa.

A reunión arrincou coa presentación dun caderno didáctico sobre o mar deseñado especificamente para escolares. Esta nova ferramenta didáctica busca achegar o sector primario ás novas xeracións e formar aos consumidores do futuro, servindo como base para os obradoiros en centros educativos e as campañas de divulgación centradas nos residuos mariños, a biodiversidade e a conservación do contorno litoral.

A este respecto, Ángeles V. Suárez salientou que "hoxe damos un paso máis para achegar o noso mar e a riqueza dos seus produtos ás aulas. Con este novo caderno didáctico queremos que os escolares galegos, que son os consumidores do mañá, coñezan de primeira man o valor estratéxico da pesca e do marisqueo. Trátase de namoralos do noso litoral cun formato dinámico e atractiva para garantir o relevo xeracional e o consumo consciente".

Seguimento das laminarias no mar

Tras a sesión de traballo en terra, os participantes trasladáronse ao mar para realizar unha xornada de inspección e seguimento técnico das actuacións executadas en materia de conservación e recuperación de fondos mariños. De xeito especial, supervisouse o estado de rexeneración das poboacións de laminarias.

Estas macroalgas xogan un papel esencial na restauración biolóxica do medio, xa que actúan como refuxio e zonas críticas para a posta de ovas de múltiples especies comerciais, axudando a recuperar a calidade ambiental esential do ecosistema protexido.

A titular de Desenvolvemento Pesqueiro encadrou esta inspección in situ lembrando que "a colaboración con Amicos a través do proxecto 'Arousa-Lab' demostra que a innovación e o coñecemento científico deben ir da man das comunidades locais. Hoxe saímos ao mar para comprobar a evolución das laminarias, unhas macroalgas que son o auténtico berce e refuxio das especies comerciais da ría. Protexer estes fondos é blindar o futuro e a sustentabilidade de todo o noso sector artesanal".

Enfoque participativo e europeo

Esta folla de ruta forma parte do proxecto "Arousa-Lab ", que se desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar e a Asociación Amicos, dotado cun financiamento de 70.000 euros. O programa atópase integrado no proxecto transnacional europeo A-AAGORA, que aplica un modelo participativo para estender o coñecemento científico e a innovación cara aos axentes locais, promovendo prácticas sustentables que melloren a xestión dos recursos e a competitividade dos produtos do mar.

Imaxes relacionadas