Nova
A Xunta resalta a importancia das tradicións marítimas e a cultura do mar no Camiño de Santiago
Ribeira (A Coruña), 20 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asistiron ao XL Remonte Anual Marítimo Fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica, e destacaron a importancia das tradicións marítimo-pesqueiras e a relevancia do Camiño de Santiago na cultura marítima e no turismo de Galicia e, en especial deste ruta, único Vía Crucis marítimo fluvial do mundo.
Trátase dunha das tradicións máis senlleiras do feito xacobeo, e conmemora a viaxe que, segundo a tradición cristiá, realizou a barca de pedra que transportaba os restos do Apóstolo Santiago ata o que hoxe é Padrón.
A conselleira do Mar, o director de Turismo de Galicia e o comisario do Xacobeo 2027 realizaron esta tarde a viaxe na embarcación ‘Fundación’ dende Ribeira ata Padrón e Pontecesures, recorrendo o mar da Arousa e remontando o río Ulla nesta ruta marítima de gran importancia cultural e relixiosa.