Nova
A Xunta saca adiante unha nova normativa que axiliza o acceso ás titulacións profesionais e reduce á metade a duración do curso de mariñeiro pescador
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a nova orde que rebaixa de 50 a 23 as horas lectivas esixidas para obter a habilitación básica, igualando a formación co resto de España para gañar competitividade
A Consellería do Mar elimina o requisito de idade mínima para inscribirse nos cursos e probas libres de mariñeiro pescador, patrón local e patrón costeiro polivalente, facilitando que os mozos comecen antes a súa capacitación
Tamén simplifica radicalmente a burocracia: substitúense as certificacións de estudos e alfabetización por unha declaración de coñecementos básicos e permítese o uso do pasaporte a estranxeiros sen NIE
Santiago de Compostela, 21 de xuño do 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns, 22 de xuño, a nova orde da Consellería do Mar pola que se regula o procedemento para a obtención das titulacións profesionais de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Esta nova regulación que entra en vigor supón unha modernización integral do marco formativo náutico-pesqueiro tras case doce anos de vixencia da normativa anterior de 2014.
O obxectivo principal do departamento que dirixe Marta Villaverde é dar un impulso decidido á remuda xeracional nas tripulacións e facer fronte á demanda de man de obra no sector. Co deseño desta folla de ruta, elaborado en estreita colaboración cun grupo de traballo do profesorado dos centros públicos de ensinanzas náutico-pesqueiras autonómicas, o Executivo galego tomou a determinación de adaptar as esixencias ás demandas reais de competitividade do mercado e flexibilizar as trabas administrativas que dificultaban o acceso ás profesións do mar.
A principal novidade técnica do texto normativo radica na redución da duración do curso para obter a titulación de mariñeiro pescador, que diminúe de 50 a tan só 23 horas lectivas, repartidas en 15 horas de coñecementos teóricos e 8 horas de contidos prácticos. Ata o de agora, Galicia mantiña o curso máis longo de todo o territorio nacional, o que restaba competitividade aos profesionais galegos dado que calquera título emitido noutra comunidade autónoma ten plena validez en todo o Estado.
Eliminación de barreiras
Nunha clara aposta por captar talento novo e acelerar a incorporación ao sector, a orde elimina a esixencia de ter cumpridos os 16 anos de idade para poder acceder á formación así como os 18 anos no caso dos cursos de patrón Local de Pesca e Patrón Costeiro Polivalente. Con esta modificación, os interesados poderán matricularse e completar os ciclos formativos de xeito anticipado, esixíndose o cumprimento estrito da idade legal unicamente na data de realización do exame ou proba libre de aptitude, que abre as portas á obtención da tarxeta profesional.
Ademais, en consonancia coa estratexia de simplificación administrativa e diversificación cultural da poboación que desexa elixir o mar como forma de vida, a Xunta suprime a obrigatoriedade de achegar certificados de alfabetización ou ensinanzas básicas iniciais de nivel 1 para o título de mariñeiro. A partir de agora, abondará cunha declaración responsable no formulario de inscrición que certifique que a persoa posúe os coñecementos básicos. Do mesmo xeito, para facilitar a inserción regular de traballadores estranxeiros, permitirase formalizar a matrícula presentando a copia do pasaporte naqueles casos nos que o solicitante aínda non dispoña de NIE.
Oferta formativa flexible e seguridade xurídica
O novo marco tamén refunde a oferta formativa ordenando dúas vías claras de aprendizaxe: os cursos integrados nos centros públicos dependentes da propia Consellería do Mar, e aqueles programados por entidades públicas ou privadas debidamente autorizadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A regulamentación, que abre a porta á modalidade de teleformación con controis de rendemento do alumnado, resolve un baleiro legal histórico ao fixar con total nitidez as titulacións esixidas para os docentes externos.
Para evitar calquera xurdimento de dúbidas, establécese que o profesorado deberá dispoñer obrigatoriamente de atribucións superiores ao curso que vaia impartir —coa especialidade de ponte ou máquinas segundo corresponda— ou ser diplomado, licenciado ou graduado nos estudos da mariña civil.
A formación e a capacitación técnica constitúen os motores esenciais para avanzar na profesionalización das tripulacións, garantir uns niveis óptimos de seguridade a bordo e blindar a competitividade económica e social da pesca e o marisqueo en Galicia. Con esta profunda renovación normativa, que se suma a outras medidas estratéxicas como as axudas para financiar o embarque no relevo xeracional, a Xunta pon en marcha un mecanismo moito máis áxil, flexible e moderno para abrir as portas do mar a todas as persoas que queiran facer del o seu medio de vida.