Nova

A nova Xornada Cultural Mar de Galicia abre un novo espazo en Vigo para a música local, o deporte acuático, a creación e a artesanía

1 de 2
2 de 2

Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra apoian o novo evento que se celebrará o vindeiro 18 de xullo no Museo do Mar en Alcabre

A delegada territorial do Goberno galego, Ana Ortiz; a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, presentaron a programación

Tres escenarios musicais darán cabido ao talento local e tamén haberá catro espazos para actividades deportivas e espazos culturais

Vigo, 22 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentaron este luns, xunto aos responsables da Asociación Sociocultural e Deportivo Over, a programación do nova Xornada Cultural Mar de Galicia que se celebrará no Museo do Mar o vindeiro 18 de xullo.

Durante a presentación celebrada no propio Museo do Mar de Galicia, a representante autonómica destacou esta iniciativa destinada a “crear un novo espazo cultural na nosa cidade para dar a oportunidade de que músicos, grupos e creadores locais teñan o lugar que merecen para amosar a súa calidade”.

Segundo explicou Ortiz, o evento contará con tres escenarios de música en directo e catro zonas con actividades deportivas e espazos culturais nos que haberá mercado de artesanía, actividades de deporte acuático e un espazo de conciencia azul.

Luisa Sánchez sinalou que "o Museo do Mar reúne unhas condicións excepcionais para converterse nun dos grandes escenarios culturais ao aire libre de Vigo. A súa localización, a súa contorna e as espectaculares postas de sol sobre a ría convérteno nun lugar idóneo para celebrar concertos e actividades culturais durante o verán”. Ademais, apuntou que “sempre é unha boa noticia que xurdan iniciativas que axuden a aproveitar máis un espazo tan especial e a achegalo aínda máis á cidadanía".

Pola súa banda, Roi Torres, director da Asociación Sociocultural e Deportivo Over, explicou que a xornada está concibida como un evento aberto, participativo e interxeracional, no que cultura, deporte, conciencia ambiental e convivencia cidadá se desenvolven de maneira fluída ao longo do día.

“Hai xa 15 anos que a cidade no aproveita o talento local e a Xornada Cultural é un evento aberto e accesible á cidadanía de todas a idades, pensado para xente nova, familias e amantes da música, a moda o vintage e con conciencia ambiental, cun enfoque que valora o feito na cidade de Vigo polos seus artistas”, apuntou.

Escenarios musicais

  • Escenario Ría: situado no aparcadoiro principal, acolle música urbana e contemporánea. Conta con artistas galegos emerxentes (Tekilas, Xiari, Adan, LosDeLa9) e o grupo nacional Cecilio G como cabeza de cartel.
  • Escenario Xanela: na parte traseira do Museo do Mar e con vistas á ría, dedícase ao punk, hardcore e rock de guitarras. Participan bandas locais coma LoraHacePam, Dulce Compañía, Zalomon Grass e Youcanthide.
  • Espazo Río Lagares: situado no interior das salas expositivas, ofrece propostas electrónicas, experimentais e inmersivas dirixidas por Pálida (cun custo de acceso de 3€).

Actividades e Espazos Culturais

  • Espazo Deportivo (zona Espigón): promove regatas de piraguas dobres para categorías infantil e adulta a partir dos 7 anos.
  • Espazo Conciencia Azul: zona de charlas e encontros centrada na educación ambiental e na defensa do mar. Participan Lixo Atelier, Vazva e a bióloga Raquel Nogueira.
  • Mercado Salitre: situado na baixada de acceso ao Museo do Mar, apoia o comercio sostible e a economía circular con venda de roupa, discos de segunda man, autoedición e marcas galegas independentes.
  • Hall do Mar: Zona central de servizos que inclúe barras de bebidas, zona de DJs, foodtrucks, barra de vermú e unha zona lounge nos xardíns (p. 8).

Imaxes relacionadas